Tomiño participa nun proxecto europeo para promovera formación en valores, a través da música
· O proxecto “Play2 Grow!”pretende incentivar o respecto, a creatividade, a comunicación e o traballo en equipo, intercambiando experiencias e boas prácticas entre a Escola de Música de Goián e a Escola de Rock de Paredes de Coura
Infogauda / Tomiño
“Play2 Grow!” é o nome que agrupa aos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño, e ás respectivas Escola de Rock e Escola de Música de Goián, coa Fondazione Maria Ida Viglinoper la Cultura Musicale, de Aosta (Italia), nun proxecto Erasmus que pretende xerar un conxunto de actividades formativas, que permitan a mozos e mozas adquirir unha serie de valores e habilidades a través da música.
O proxecto, iniciado a finais de 2019, desenvolverá unha serie de recursos de formación innovadores dirixidos a traballadores xuvenís e formadores de escolas de música, para que poidan mellorar a provisión de habilidades e valores chave como o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo nas súas respectivas aulas.
O desenvolvemento da iniciativa, previsto ata o verán de 2021, irá proporcionando achegas en canto a metodoloxía e formación curricular, e unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe dinámica e a interacción en habilidades chave a través da música: Play2 Grow HUB.
Toda a información está dispoñible en: https://play2grow.eu e as canles do proxecto en Youtube, Facebook e Instagram. En https://play2grow.eu/project-outputs están xa publicadas algunhas das boas prácticas identificada ata agora, entre as que se inclúen os campamentos e concertos didácticos da Escola de Música de Goián e a súa práctica solidaria de intercambio de instrumentos musicais.
Antecedentes:
En decembro de 2019, celebrouse en Paredes de Coura a primeira xuntanza dos socios. Foi unha reunión moi produtiva na cal as 5 entidades representadas no proxecto, tiveron a ocasión para coñecerse e compartir as súas ideas do proxecto.
Ademais, tiveron a oportunidade de visitar Escola de Rock de Paredes de Coura (unha residencia curta que tiña lugar aquela semana), e coñecer os aspectos principais desta interesante iniciativa con mozos e mozas, a cal de feito foi a semente do proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario