18 de ago. de 2020

LABORAL

A CIG esixe a subrogación do persoal do servizo de recollida do lixo do Concello do Porriño 

A nova empresa escúsase na inexistencia de contrato co Goberno local para non asumir os traballadores/as 

Infogauda / O Porriño

 A federación de Servizos da CIG anunciou hoxe que porá en marcha unha campaña de protestas no caso de que o persoal da recollida do lixo do Concello do Porriño non sexa subrogado pola empresa que se vén de facer cargo do servizo. Dende a central denuncian que a compañía escúsase na inexistencia de contrato co Goberno local para non asumir os traballadores/as, polo que non descartan iniciar tamén as accións xudiciais oportunas. 

 O responsable de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembra que os pasados días 3 de xuño e 5 de agosto mantiveron unha xuntanza co Concello para abordar tanto as irregularidades que a anterior empresa -Ascán Servicios Urbanos- estaba a cometer cos traballadores/as como as informacións recollidas polos medios a respecto da posíbel adxudicación do servizo a outra compañía. “Neses encontros deixamos moi claro que todo o persoal ten dereito a subrogación, segundo establece o artigo 50 do convenio colectivo e o artigo 44 do Estatuto dos Traballadores/as”, explica Pérez. 

 Finalmente, o Concello comunícalle a Ascán que prescinde do servizo a partir do pasado domingo, pero os oito empregados/as non son informados/as e onte preséntáronse a traballar ás 6:00 horas. “Para a súa sorpresa, o encargado dilles que non saian cos camións a facer a recollida; máis tarde entéranse de que hai outra empresa -Narom SL- que se fixo cargo do servizo”. Entón póñense en contacto con Ascán e son citados nas oficinas, onde lles entregan unha carta de subrogación. Pola tarde entregan un escrito en Narom conforme son persoal subrogado, “mais non llo recollen e optan por envialo por correo e por fax”. 

 Pero hoxe cando se presentan nas instalacións de Narom comunícanlles que non se fan responsábeis e que non os van subrogar porque non teñen subscrito un contrato co Concello. “Efectivamente, constatamos que non existe contrato entre o Goberno local e Narom, como tampouco o había coa anterior empresa, que prestaba servizo dende febreiro de 2019”. Mais isto non xustifica a non subrogación dos traballadores/as, xa que é unha relación contractual entre empresa e Concello e non unha relación laboral co persoal asigando a este servizo. 

 En consecuencia, os responsábeis municipais estarían a incorrer nunha irregularidade “que poñeremos en coñecemento do Tribunal de Conta para que se aclare cal é o concepto polo que se lles abonan as facturas a estas empresas”. Ao mesmo tempo, Pérez indica que se puxeron en contacto co Concello esixindo a subrogación do persoal, “xa que en caso contrario tomaremos as medidas oportunas, tanto xudiciais como de acción sindical, comezando por unha campaña de mobilizacións diante do Concello que arrancaría este mesmo mércores”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario