A Xunta pon en marcha o nodo de ciberseguridade de Galicia, que ofrecerá servizos a empresas, administracións e cidadáns
CIBER.gal é un instrumento de cooperación ao que se suman se suman a Fegamp, as catro deputacións e dous ministerios e aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste eido
Infogauda / Galicia
A Xunta traballa coa previsión de poñer
en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal.á volta do
verán, unha vez que xa se asinou o convenio co Instituto Nacional de
Ciberseguridade (Incibe), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp
e as catro deputacións provinciais
Coa creación de CIBER.gal, a
Xunta pon en marcha un modelo de cooperación que, de forma conxunta con
outros axentes públicos e privados, impulse a concienciación e a
formación de cidadáns e empresas en materia de ciberseguridade; que dea
resposta coordinada a retos complexos; que promova a xeración, atracción
e retención de talento especializado, e que contribúa ao posicionamento
de Galicia neste ámbito a nivel estatal e europeo.
A
implementación de medidas de ciberseguridade require coordinación e a
compartición de recursos. O nodo é un instrumento de cooperación no que
participan as tres administracións con competencias na materia para,
por unha banda, facilitar a dispoñibilidade e compartición deses
recursos e, por outra, tamén para artellar a colaboración
público-privada neste ámbito para facilitar unha carteira integral de
servizos e que o Nodo se converta nun aglutinador das iniciativas de
ciberseguridade en Galicia.
Servizos para cidadáns, Administracións públicas e pemes
Servizos para cidadáns, Administracións públicas e pemes
O
inicio da actividade do nodo CIBER.gal focalizarase na formación e
concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás
Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades
sinaladas polos axentes consultados.
Para a cidadanía os servizos
centraranse en accións de formación a estudantes e eventos
participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria,
bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais,
desenvolveranse accións de capacitacións básica no uso seguro das
tecnoloxías para persoas maiores. Como primeiro paso para avanzar neste
ámbito colaborarase con INCIBE na promoción e execución de xornadas
técnicas de ciberseguridade nas escolas con accións dirixidas tanto a
alumnos como a docentes de materias relacionadas coas novas tecnoloxías
para que adquiran as habilidades para impartir os talleres aos alumnos.
Para
as pemes e autónomos a concienciación e a difusión tamén serán eixos
prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros
axentes do Nodo. Neste ámbito xa se están realizando accións como os
servizos do plan Re-Acciona para a definición de estratexias de
ciberseguridade nas pemes. Este ano hay dispoñible 14 tipos de servizos
nesta área por un importe de 290.000 euros.
Ademais, poñeranse en
marcha acciones específicas para este público en colaboración con
INCIBE como formacións no ámbito a análise dos riscos e uso de servizos
de seguridade.
No ámbito das administracións públicas,
identificáronse como próximos pasos a realización de xornadas de
formación aos axentes chave dos concellos para a súa capacitación en
competencias básicas relacionadas coa ciberseguridade e protocolos de
actuación, e formación avanzada para os servizos TI das administracións
autonómicas, provinciais e locais.
Unha vez lanzadas estas
iniciativas, poñeranse en marcha acciones de maior complexidade para o
deseño e posta en marcha de proxectos aliñados coas tendencias de
evolución en ciberseguridade, e que respondan tanto as necesidades
estratéxicas das administracións como a sectores tractores en Galicia.
Reforzo da ciberseguridade da Administración autonómica
A
Amtega vén de licitar un contrato para reforzar o servizo de
ciberseguridade por un importe estimado de 4,7 millóns de euros por un
período de 4 anos anos contando as posibles prórrogas. O contrato
abrangue entre outros servizos de monitoraxe de eventos e a xestión de
incidentes de seguridade 24x7; a operación, administración e evolución
de diferentes ferramentas de ciberseguridade; como por exemplo o
sistema de xestión de eventos e información de seguridade ou o
antivirus corporativo, consultoría de alta especialización en
seguridade; vixilancia dixital e ciberintelixencia; ademais da
coordinación e seguimento do plan de adecuación ao Esquema Nacional
de Seguridade (ENS) e a outras normas de seguridade como a ISO 27002
e o apoio técnico no mantemento das metodoloxías, normativas e
estándares tecnolóxicos a seguir polo conxunto da organización, no
ámbito da seguridade da información.
Este servizo colaborará co
resto de servizos de seguridade xestionados pola Amtega, principalmente
co servizo de soporte de seguridade en redes, co servizo de apoio aos
Delegados de Protección de Datos e co de apoio á adecuación ao
Regulamento Xeral de Protección de Datos, co obxectivo de acadar un bo
nivel de seguridade da información e dos servizos dixitais xestionados
pola Amtega para a Xunta de Galicia.
Situación da ciberseguridade en Galicia
O
pasado mes de marzo presentouse o Informe de Situación da
Ciberseguridade en Galicia, no que se identifican os axentes implicados
neste ámbito na Comunidade, púlsase a súa opinión sobre os retos e
necesidades e sinálase a folla de ruta inicial para a posta en marcha do
Nodo e a súa carteira de servizos.
O informe identifica ata 167
entidades relacionadas coa ciberseguridade en Galicia, das que 103 son
empresas que ofrecen produtos e servizos de ciberseguridade. Os
consultados coinciden na necesidade de incrementar as accións de
formación e concienciación á cidadanía.
Desde o sector público
sinalan a importancia de impulsar proxectos de colaboración
público-privada e promover eventos, formación e certificacións no ámbito
da ciberseguridade. Desde o sector privado demandan o acceso a
instalacións e infraestruturas comúns e a posibilidade de facilitar o
contacto entre os diferentes axentes.
O 80% dos axentes
entrevistados consideran que a iniciativa da Xunta de crear un Nodo de
Ciberseguridade é unha necesidade e unha proposta moi acertada. Os
axentes consultados apuntan que a posta en marcha do Nodo CIBER.gal
contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na Comunidade,
incrementará a concienciación en empresas e cidadáns, facilitará a
xeración dunha rede de colaboración e aumentará o investimento na I+D+i
en ciberseguridade.
O Incibe, segundo se recolle no informe,
sinala que Galicia rexistra un 4,3% dos incidentes de ciberseguridade
identificados no ámbito nacional. Esta porcentaxe sitúa á Comunidade no
sexto posto da clasificación estatal, liderada por Madrid, Andalucía e
Cataluña, con porcentaxes próximas ao 20%.
Ciberseguridade, piar da EDG2030
A
ciberseguridade é unha das tecnoloxías disruptivas sobre as que pivota a
futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, en proceso de elaboración. A
creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas
directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta
materia.
A Xunta de Galicia conta cun Plan Director de Seguridade
2015-2021, que permitiu incrementar a súa capacidade de prevención,
detección, resposta e recuperación ante incidentes de ciberseguridade.
Entre as últimas medidas levadas a cabo segundo este Plan, está a posta
en marcha do Centro de Servicios de Ciberseguridade, CSIRT. gal, que dá
servizo ao sector público autonómico e forma parte da plataforma
CSIRT.es, integrada por 42 centros, entre os que está o Centro
Criptolóxico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e
outros organismos, ademais dalgunhas comunidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario