1 de ago. de 2020

A GUARDA

COA PUBLICACIÓN DE DOUS LIBROS

AS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2020 TEÑEN UN DESTACADO COMPOÑENTE CULTURAL

· Foron editados pola Asociación O Cancelón Comisión de Festas, 2020

Capa do "Libro das Festas do Monte Santa Trega, 2020"


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Os momentos tan cambiantes que nos está tocando vivir neste 2020, polas causas que todos coñecemos, están determinando anulacións, e no mellor dos casos, aprazamentos, de eventos culturais, deportivos, festivos, gastronómicos, lúdicos,..., que ata a declaración da pandemia do novo coronavirus, formaban parte habitual do calendario de moitas comunidades, tanto nas aldeas, cidades, parroquias e vilas, do noso país, e doutros moitos a nivel planetario. Dese xeito, todos temos que asumir - de feito xa o temos asumido desde fai meses - que á situación non está como para botar foguetes. E o mesmo podemos decir doutras actividades que tanta ledicia causaban na cidadanía, pois en xeral, todo o mundo agarda os días grandes de cada parroquia, pobo ou vila, para gozar, siquera por unhas datas concretas, de todo canto os galegos - e outras paisanaxes ibéricas - sabemos, porque forma parte da nosa propia idiosincrasia.
 Na vila de A Guarda, as Festas do Monte Santa Trega, veñen sendo desde fai máis dun século, todo un referente, non soio a nivel da nosa localidade, senón de toda a bisbarra do Baixo Miño, e sen esaxerar o máis mínimo, mesmo da provincia, da nosa Comunidade Autónoma e alén desta.  A repercusión das Festas do Monte Santa Trega chega a lugares insospeitados de todos os continentes.
 Este ano 2020 non haberá Festas do Monte Santa Trega sensu estricto. Non fai falla reiterar as razóns da súa suspensión. En todo caso, cabe salientar que a Asociación O Cancelón - Comisión de Festas, 2020, non quixo deixar en branco esta edición. E nunca mellor dito, toda vez que vén de presentar dúas publicacións que ben merecen esta recensión que como cronista nos ocupa.
 Son dous libros. Un deles - coñecido popularmente como "O Libro das Festas do Monte" - no formato (172 x 242 mm) semellante ao das edicións de anos inmediatamente precedentes, e conta cun total de 200 páxinas impresas a toda cor, en papel estucado. Vai acompañado doutro exemplar, sen paxinar, cun formato de 201 x 298 mm, titulado Fiestas del Monte Santa Tecla - Portadas y programas de los libros-revista de 1946 a 2019. Ningún dos dous libros leva publicidade, excepto os logotipos dalgunhas institucions colaboradoras, que figuran ao pé das respectivas contracapas. E pódense mercar por separado ou conxuntamente, ao prezo cada un deles de 10 euros. Se mercamos os dous libros, o vendedor entregarános unha rifa para un sorteo.
 No tradicional "Libro das Festas do Monte", destaca na súa portada un dibuxo a plumilla da autoría de Luis Alberto Franco Lomba, no cal aprécianse algunhas das obras - a estrada de acceso ao cumio do Trega, o monumental Vía Crucis, o obelisco á memoria de D. Manuel Lomba Peña, as escalinatas de acceso ao púlpito ao aire libre e á ermida de Santa Trega,... - levadas a bo termo pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.
 No "Libro das Festas do Monte", publicado en Gráficas Juvia, S.L., de Tui; coordinado e dirixido por Celso Rodríguez Fariñas, e maquetado por Antonio Martínez Vicente, de InfoMAXE, figuran - ademáis do saúda do alcalde e un texto "A modo de prólogo" - colaboracións de varios autores: José Magoal, Celso R. Fariñas (InfoMAXE), Juan Louzán, Purificación Álvarez Álvarez, José Miguel L. Romero, M. A., Fernando Martínez Vicente, Bernardino Lamas, Joaquín Miguel Villa Álvarez, José Ángel Gándara Rodríguez, InfoMAXE, Emilio Alonso Freiría, Perálvez, Ernesto Iglesias Almeida, Xosé Lois Vilar Pedreira, Generoso Álvarez Seoane, Bety Portela Ferreira, Ángel Armindo Martínez Sobrino, María de Jesús Rodrigues, Alberto Joâo Oliveira, Alia Vázquez Martínez, Ricardo Rodríguez Vicente, Miguel Reboredo Otero e Xoán R. Carnero Fernández (Perico).
 Nas súas páxinas, o "Libro das Festas do Monte" deste 2020 inclúe traballos de investigación arqueolóxica, histórica, monumental, musical...,, así como fotografías antigas, reportaxes, reseñas de hemeroteca, poemas,..., e todo iso, tendo como eixo o pobo e vila de A Guarda, súas xentes, tradicións,..., e por suposto as Festas do Monte Santa Trega, nas que as bandas mariñeiras - cuxas fotografías poñen broche final ao contido da obra - son, desde fai anos, compoñentes insustituibles no desfile tradicional do "Sábado do Monte" e na romaría do "Domingo do Monte".

Capa do libro Fiestas del Monte Santa Tecla - Portadas y programas de los libros-revista de 1946 a 2019


 No libro titulado Fiestas del Monte Santa Tecla - Portadas y programas de los libros-revista de 1946 a 2019, cuxo deseño e organización estiveron a cárrego de Antonio Martínez Vicente e Celso Rodríguez Fariñas; o seu contido, como seu título indica, está formado maioritariamente por reproduccións a toda cor, de carteis e programas das Festas do Monte Santa Trega ao longo de 73 anos, procedentes do arquivo de Antonio Martínez Vicente, membro de InfoMAXE. Ademais diso, os organizadores da publicación incluiron unha fotografía de D. Constantino Candeira González, prestixioso industrial, a quen se debeu a feliz iniciativa da Romaría do Monte Santa Trega.
 Ademáis de fotografías da época, o libro inclúe tamén a crónica da primeira Romaría do Monte Santa Trega, conmemorativa do primeiro aniversario da fundación da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. A devandita crónica, publicada no nº 123, Ano III, do semanario La Voz del Tecla, correspondente ao 30 de agosto de 1913, constitúe un dos mellores documentos que acreditan o exitoso nacemento da Romaría do Monte Santa Trega, que andado o tempo non soio se cinguiría a un día ao ano, senón que a programación foi medrando en contidos e localizacións, tendo sempre como referencia o Monte Santa Trega, o mellor legado patrimonial dos nosos devanceiros.
 Con esa publicación, calquer persoa pode acceder a un extraordinario recurso para coñecer, polo miúdo, moitos pormenores das Festas do Monte Santa Trega, que son unha das señas de identidade de A Guarda.
 Nosas felicitacións a Asociación O Cancelón - Comisión de Festas, 2020 por asumir os custes das edicións deses dous coidados libros, e por suposto as persoas que co seu labor na sombra fixeron posible que A Guarda volte a contar con dúas novas publicacións que ademáis de incrementar o patrimonio bibliográfico de noso, van chegar a moitos fogares guardeses e tamén aos de moitas persoas que gozan cada ano na nosa vila e coas nosas tradicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario