31 de ago. de 2020

A GUARDA

O renovado punto limpo xa está preparado para a reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos tralas obras acometidas pola Deputación

A mellora inclúe tamén unha campaña informativa coa colocación dun -miniecopunto- na Praza de Abastos, no que a veciñanza poderá depositar móbiles, cargadores e pilas  

Iria Lamas subliña o papel da Deputación “no cumprimento da Axenda 2030 e os ODS” na visita ás renovadas instalacións medioambientais


Infogauda / A Guarda

 A deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, xunto ao alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación de Pontevedra. A actuación, cun orzamento total de 53.588,06 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. “Este tipo de accións son as que dan paso cara unha transición ecolóxica e contribúen á mellora do medio ambiente. É unha necesidade que todas e todos colaboremos coa correcta xestión dos residuos”, subliñou Iria Lamas.  

 “O noso planeta está en perigo e dende as administracións temos que poñer en marcha proxectos para loitar contra esta realidade”, continuou, “neste eido, dende a Deputación absolutamente toda a acción política xira ao redor da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, enxalzou a deputada provincial. Pola súa banda, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, agradeceu á Deputación “a oportunidade que nos dá de ter unha mellora neste punto limpo, moi importante para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos”. 

 O punto limpo de A Guarda, situado no lugar A Sangriña, xa está totalmente renovado para que a veciñanza poida depositar alí os seus residuos eléctricos e electrónicos con total seguridade. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables, que quedou montado na Praza de Abastos.  

 En concreto, na Guarda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos.  

 O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

  Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario