“Música nos Xardíns” porá broche de ouro a un ciclo de eventos musicais guardeses
Será o venres día 4 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural da vila
Infogauda / A Guarda
Dentro do proxecto “Música nos Xardíns”, o Concello de A Guarda, a través da Concellería de Cultura, programou varias actividades para poñer en valor a escena musical e de festivais a nivel local, en consenso coas asociacións culturais da vila.
Como debido a pandemia do COVID-19, tivéronse que suspender os grandes eventos musicais existentes na vila, que cada verán viñan enchendo de música diferentes espazos do noso municipio, e de acordo coas medidas de prevención e distanciamento social, o concello de A Guarda decidiu apostar polo proxecto “Música nos Xardíns”, no que se representasen aos colectivos que cada ano organizan festivais musicais, pero nun novo formato.
Despois dun primeiro concerto que se celebrou o 31 de xullo a cargo do grupo local Milhomes, e dun segundo concerto que se celebrou o 21 de agosto co grupo Ded Routines, agora é a quenda do grupo Helen & Shanna, que porá o broche de ouro a esta edición de “Música nos Xardíns”, o venres 4 de setembro ás 21:00h., no exteriores do Centro Cultural.
Previamente ao concerto, ás 20:00h haberá unha charla a cargo de Fernando Rego, sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural amosará tamén nestes días unha exposición fotográfica titulada “Festivais da Guarda”, con imaxes de varias edicións dos festivais musicais máis significativos que se teñen realizado na vila nos últimos anos.
PROGRAMA
Venres 4 de setembro
Ás 20:00 h., charla de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”.
Ás 21:00 h., concerto de Helen & Shanna. Evento apadriñado polo Rock Guardés.
Cunha forte influencia folk, Helen & Shanna recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Para asistir a estes eventos é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 611 850 (en horario de 9:00 a 14:00h) ou no enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario