O Concello de A Guarda reduce nun 50% as taxas de apertura de estabelecementos
a proposta do BNG
Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no concello guardés: “Esta medida forma parte dun paquete de medidas impulsadas desde o BNG para a reactivación económica e social da localidade”.
Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
“Co fin de facilitar a posta en funcionamento de novas actividades económicas que contribúan á creación de postos de traballo e a xeración de riqueza no concello da Guarda aprobouse, a instancias do BNG, a redución do 50% da taxa de apertura de estabelecementos”, dixo a Infogauda, Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, no Concello de A Guarda.
Esta medida entrará en vigor despois da súa publicación no Boletin Oficial da Provincia e, segundo lembrou Anxo Lois Baz, “forma parte dun paquete de medidas impulsadas desde o BNG para a reactivación económica e social da localidade”.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz, considera importante esta medida e agarda “que non tarden en aplicarse outras xa aprobadas coma a bonificación das taxas do lixo para aqueles estabelecementos que estiveron pechados durante a pandemia ou para as familias cunha renda per capita inferior ao IPREM (537,48 € mensuais)”.
Anxo Lois Baz concluiu: “O BNG seguirá traballando en positivo para acadar acordos o máis amplos posíbeis para sacar adiante medidas que favorezan a veciñanza da Guarda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario