22 de xul. de 2020

TUI

O BNG de Tui defende a ubicación do mercado dos xoves no centro da cidade

Vista parcial dos membros da Corporación Municipal do Concello de Tui, no pleno extraordinario celebrado no día de onte, a petición dos grupos da oposición



Infogauda / Tui

 No pleno extraordinario celebrado onte a portavoz municipal do BNG no Concello de Tui, Carmen Núñez, acusou ao goberno municipal “de saltarse a mesma ordenanza que obriga a cumprir aos vendedores baixo a ameaza de retirarlles as licenzas. A ubicación do mercado é competencia plenaria pero o goberno municipal utilizou a desculpa da seguridade pola Covid 19 para trasladar o mercado, sen acadar aprobación plenaria e comprometéndose ante os ambulantes a reubicalo en caso de non dar resultado nesta nova localización. Onte afirmou no pleno que a súa intención é que esta ubicación sexa definitiva.  

 Para o BNG o goberno local mostra as mesmas formas impositivas e pouco dialogantes que criticaba do anterior goberno cando era oposición. Esta forma de actuar autoritaria e pouco democrática, negándose por unha parte a valorar outras localizacións alternativas, que permitirían cumprir as normas de seguridade necesarias pola Covid-19 e que permitirían manter o mercado no casco urbano, favorecendo así a hostelería e o comercio local

 Asemade os concelleiros do Grupo Municipal do BNG acusan ao goberno municipal de negarse a debatir en pleno o asunto, forzando a solicitude de pleno extraordinario por parte dos grupos da oposición. Neste sentido o BNG defende manter o mercado na súa anterior ubicación, extendéndoo á rúa Augusto González Besada, facéndoa peonil os xoves, o cal sería unha verdadeira humanización, e permitiría unificar todos os espazos que anteriormente ocupaba o mercado. Ademais - engade Carme Núñez - esta proposta podería supor unha ubicación definitiva, toda vez que o lugar agora determinado polo goberno local será forzosamente de carácter transitorio ó non ser os terrenos de titularidade municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario