Concelleiros do Equipo de Goberno de Tomiño visitaron a depuradora de Coristanco (A Coruña)
Para coñecer novas alternativas de baixo impacto ambiental
O Concello de Tomiño segue investigando novas alternativas de baixo impacto ambiental para incrementar a capacidade de depuración e a rede de saneamento
Concelleiras/os do Equipo de Goberno de Tomiño visitaron á depuradora de augas do municipio de Coristanco
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Catro concelleiros e concelleiras do Equipo de Goberno de Tomiño, entre eles, os de Servizos Públicos e Medio Ambiente, realizaron unha visita á depuradora de augas do municipio de Coristanco, na provincia da Coruña, o pasado día 17 de xullo.
Acompañados por un técnico de medio ambiente do Concello, foron guiados polo xefe de sección da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade Jean-Pierre Blanco, a través das instalacións deste sistema de depuración de baixo impacto.
A depuradora consiste basicamente nun sistema de tres lagoas en liña nas que se plantaron sobre un sostén de plástico biodegradable, unha serie de plantas cuxas raíces aseguran osíxeno e un espazo para que bacterias sobrevivan e dixiran a carga contaminante da auga, vertendo logo auga limpa a un regato próximo, cun custo enerxético moi baixo.
“Desta maneira o Concello sigue investigando novas alternativas de baixo impacto ambiental para incrementar a capacidade de depuración e a rede de saneamento, dando alternativas aos veciños e veciñas que utilizan solucións de depuración unifamiliares, coma son as fosas sépticas”, explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario