O Concello de Tomiño creará unha Aula de Estudo, en previsión de posibles rebrotes de cara ao outono
· Funcionará na Casa da Cultura, que será acondicionada cun orzamento de 50.000 euros
· O investimento forma parte dunha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, na que tamén destaca o compromiso co Departamento de Benestar e coas familias máis necesitadas
Nas imaxes de arquivo - antes de haber sido decrarada á pandemia de Covid-19 -, participantes e público asistente na Casa da Cultura de Tomiño
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros para reconverter a Casa da Cultura municipal nunha Aula de estudo e acceso a internet, co fin de que os estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos, en caso de posibles rebrotes do coronavirus ou novos confinamentos, de cara ao outono.
A idea é facilitar a toda a mocidade de Tomiño un lugar para poder conectarse a internet e desenvolver a súa actividade académica así coma ter un lugar de estudo, minimizando o risco de contaxio.
Esta nova aula, virá a complementar o servizo de ordenadores prestado pola Aula Cemit -sita no Parque da Feira- e estará dotada de todas as medidas de seguridade (distancias, mamparas, xeles hidro-alcohólicos, etc.), e novo mobiliario adaptado ás necesidades dos estudantes. A alcaldesa, Sandra González, salienta que “ante o próximo inicio do curso escolar, no mes de setembro, e a incerteza das condicións nas que se desenvolverá, é preciso levar a cabo dita intervención co fin de que poida estar en funcionamento a tempo, para cubrir as necesidades que poidan xurdir”.
“Trátase dun novo uso dun espazo que polas súas dimensións -uns 200 m2- e pola súa localización, servirá de forma provisional, de aula de estudo da futura biblioteca de Tomiño, máis en ningún caso, supón a renuncia á execución do proxecto da biblioteca de Tomiño”, explica a rexedora.
Aínda que se trate dunha solución de tránsito, o equipo de goberno local quere que o novo espazo resulte agradable e acolledor, polo que está prevista a intervención da artista Pilar Alonso, afincada en Tomiño, para que axude a darlle á estancia unha calidez e estética apropiada.
A obra, cun investimento total de 50.000 euros, será posible grazas a unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, que se levará este xoves a pleno.
Por outra banda, da mesma modificación de crédito, destinaranse 65.000 euros para o Departamento de Benestar Social co fin de reforzar os programas de Educación Familiar, Igualdade e Atención Temperá, tentando ao mesmo tempo, incrementar os fondos para que en caso de que a situación sanitaria o requira, poder xestionar o apoio ás familias máis vulnerables sen demoras, e tamén, poñer en funcionamento o servizo de atención temperá da comarca en Tomiño, complementando os equipamentos existentes nas instalación do devandito departamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario