21 de xul. de 2020

O ROSAL

Tres proxeccións ao aire libre no cinema de verán do Rosal  

· A actividade arrancará esta semana coas proxeccións de ‘Vilamor’ na Alameda de San Miguel o xoves 23 de xullo e ‘O que arde’ na Praza do Calvario o venres 24. Ás 22.00 h   




Infogauda / O Rosal

 O cinema ao aire libre chega esta semana ao Rosal para continuar coa programación de verán, que inclúe a proxección de tres filmes que se farán en distintos lugares do municipio, co obxectivo de levar as actividades aos distintos barrios e achegar a oferta cultural a toda a veciñanza.  

 O cinema arrancará este xoves 23 de xullo, ás 22.00 horas, na Alameda de San Miguel, coa proxección de ‘Vilamor’. Trátase dunha película dirixida polo galego Ignacio Villar, ambientada nos anos 70 e que conta a historia de Breixo, un mozo altruísta e con boas intencións cara a todo o mundo que coñece aos habitantes dunha comuna que chegou á contorna da súa aldea. O rapaz, cunha familia moi tradicional, vese atraído axiña polo modo de vida dos membros desa comunidade, que buscan revivir a vila perdida de Vilamor, pero Breixo descobre que é moi difícil casar a súa educación e crianza con ese novo mundo. 


 
 A seguinte cita será o venres 24 de xullo, ás 22.00 horas, na Praza do Calvario, onde se proxectará ‘O que arde’ (2019), de Oliver Laxe. Un drama que conta parte da vida do rural coa historia de Amador, un home que tras cumprir condena por provocar un incendio regresa á súa casa, nunha aldea perdida de Lugo, onde volverá vivir ao ritmo tranquilo da natureza xunto á súa nai, o seu can e as súas tres vacas. 
 


 A última proxección será xa o xoves 6 de agosto, ás 22.00 horas, no campo de balonmán de Novás. O ciclo de verán pecharase con ‘Do revés (Inside Out), unha película de animación que se desenvolve na mente dunha nena, Riley Anderson, onde cinco emocións (Alegría, Tristeza, Temor/Medo, Furia/Ira e Desagrado/Noxo) buscan guiala día a día na súa vida cotiá.  

 Nestas actividades haberá aforo limitado. Establecerase unha entrada e saída diferenciadas do recinto no que se celebre. Colocaranse cadeiras para o público separadas pola distancia de seguridade establecida polas autoridades sanitarias. Desinfectaranse as cadeiras antes de cada evento e colocarase xel hidroalcohólico na entrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario