8 de xul. de 2020

O ROSAL

Aberta a inscrición para participar de forma presencial na cata comentada da Feira do Viño do Rosal  

· Celebrarase con aforo limitado o vindeiro xoves 16 de xullo (13.00 h). 

· As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo a través de correo electrónico ata o vindeiro día 15 ás 15.00 h  

· A cata será dirixida polo prestixioso enólogo Luis Paadín   


Infogauda / O Rosal

 Ao abeiro da XXVIII Feira do Viño do Rosal 2020, a Confraría Cabaqueiros do Viño do Rosal organiza en colaboración co Concello unha cata de viños das adegas que forman parte da Asociación Empresarial Adegas do Rosal, a única actividade do programa que contará cunha parte presencial aínda que con aforo limitado e inscrición previa. 

 A cita terá lugar o vindeiro xoves 16 de xullo ás 13:00 horas no restaurante Juan (Rúa do Couso, 18. O Rosal) e todas e todos os interesados en asistir deberán enviar un correo electrónico a confrariavinorosal@gmail.com solicitando a súa inscrición e indicando nome e apelidos da persoa participante. É requisito indispensable ser maior de idade para poder participar. 

 Este ano contarase co enólogo, sumiller e profesor de Análise Sensorial e Técnico de Viticultura e Enoloxía na Universidade de Vigo Luis Paadín para dirixir a cata de nove viños do Rosal. Paadín é membro e, nalgúns casos, fundador de moitas asociación ligadas ao mundo do viño e está conectado tamén ao mundo literario vitivinícola coa autoría e coedición da “Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia” e do libro “Las piedras que hacían vino”. Conta cun espazo semanal na Cadena Ser A Coruña e na Cadena Radiovoz A Coruña. 

 Para poder levala a cabo a cata de forma presencial e coidar da saúde de todas as persoas participantes cumpriranse todas as medidas de prevención e seguridade esixidas polas autoridades sanitarias. Ademais, todas as persoas participantes deberán levar obrigatoriamente máscara de protección homologada durante todo o evento e manter as distancias de seguridade. 

 A cata poderá seguirse tamén de forma virtual co resto da programación da Feira do Viño 2020 a través da web.

Ningún comentario:

Publicar un comentario