8 de xul. de 2020

O ROSAL

Grande respaldo da veciñanza á concentración da Plataforma para a Defensa da Sanidade do Rosal  

· As mobilizacións repetiranse semanalmente ata que a Consellería de Sanidade dea solución aos problemas de asistencia sanitaria no municipio  

A alcaldesa e concelleiros da Corporación Municipal, membros da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal e veciñas/os, participaron este mércores na mobilización desenvolvida diante do centro de saúde rosaleiro
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Importante respaldo da veciñanza á mobilización convocada pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal para o mediodía deste mércores día 8 de xullo, diante do centro de saúde rosaleiro, "como medida de protesta ante a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade ante as reiteradas denuncias sobre o deterioro da asistencia primaria no municipio". 

 A través desta concentración reivindicábase "que se cubran as vacacións dos facultativos para evitar que o centro de saúde quede tan só con dúas médicas durante os meses de verán e agrave unha situación xa insostible nestes intres, cunha demora media de 20 días nas citas de atención primaria e sen posibilidade de atender as consultas domiciliarias. Tamén se reclamou "solución aos problemas de traslado ata o Hospital Álvaro Cunqueiro dos enfermos crónicos, que se están a facer sen atender ás medidas de seguridade e prevención necesarias, así como a outros problemas recollidos nun informe trasladado á Consellería como a carencia de espazos ou equipamentos". 

 Segundo anunciaron desde a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal "estas mobilizacións repetiranse cada semana ata que a Concellería de Sanidade da Xunta de Galicia dea resposta e solución a todos estes problemas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario