Entra en funcionamento o edificio de Benestar Social de Tomiño, tras a súa rehabilitación enerxética
· O concello de Tomiño obtivo unha subvención de perto de 175.000 euros do Ministerio para la Transición Ecológica, que permitirá un aforro constante de enerxía e, en consecuencia, máis respecto polo ambiente
· O venres día 10 e o luns día 13 de xullo, o departamento de Benestar do Concello non atenderá ao público debido ao traslado do persoal
Edificio de Benestar Social (antigo centro de saúde), situado no Barrio da Rocha
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O remate das obras de rehabilitación enerxética levadas a cabo no Edificio de Benestar Social (antigo centro de saúde), situado no Barrio da Rocha, permiten a entrada en funcionamento do mesmo, o martes da semana que vén.
Por este motivo, a atención ao público dos servizos sociais (asistencia social, educación familiar, orientación laboral, etc.) suspenderase o venres día 10 e o luns día 13 de xullo, mentres se realiza a mudanza dende as oficinas provisionais da rúa Bos Aires.
En caso dalgunha emerxencia, pódese enviar un correo a benestar@tomino.gal ou chamar ao Concello.
Cun orzamento total de 237.000 euros, procedente dunha achega do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético), e de 174.163,00€ de fondos propios, o Concello de Tomiño emprendeu a reforma do edificio en decembro do ano pasado.
O proxecto procuraba a mellora da calidade e sostibilidade do edificio adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local.
A actuación comprendeu, concretamente, a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación led e recuperador de calor.
As obras realizadas deron coma resultado un edificio municipal de categoría enerxética A, pioneiro no seu tipo na comarca, pensado para lograr un grande aforro en consumos de enerxía. “Deste xeito, péchase o ciclo de subministro e autosuficiencia cun carácter local, engadindo un valor maior a un edificio público e servindo coma exemplo de sostibilidade e sensibilización co medio ambiente”, explica a alcaldesa, Sandra González.
O proxecto foi posible grazas á concesión, en concorrencia competitiva, dunha subvención a proxectos singulares de entidades locais, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario