O Equipo de Goberno Municipal cualifica de “rotundo éxito da primeira edición virtual da Feira do Viño do Rosal”
· Máis de 14.000 persoas desfrutaron da programación a través da web e das redes sociais e todo o contido audiovisual xerado ao abeiro da feira tivo máis de 135.000 visualizacións.
“Convertemos esta edición da Feira do Viño nun auténtico referente da adaptación á nova realidade e chegamos a moita máis xente da que imaxinabamos”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández
A alcaldesa do Rosal na súa intervención previa á cata comentada co sumiller Luis Paadín
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
“Rotundo éxito da XXVIII Feira do Viño do Rosal, a primeira edición virtual dun evento esencial para o sector e o territorio e que este ano ante a crise sanitaria decidía reinventarse e seguir adiante con novas fórmulas coas que levar os caldos rosaleiros á toda a veciñanza pero priorizando a saúde de todos e todas. Foron tres días cunha intensa programación pensada para ofrecer a todas as persoas participantes unha experiencia diferente arredor dos viños do Rosal, para dar a coñecer as adegas e o propio territorio e que tivo unha grandísima acollida por parte da xente. O resultado non puido ser máis satisfactorio: máis de 14.000 persoas desfrutaron do pregón, da inauguración, da cata, da demostración de cociñado, dos concertos,..., a través das redes sociais e da propia web da feira”. Esa é a valoración que vén de facer o Equipo de Goberno Municipal, que preside á alcaldesa Ánxela Fernández.
Maridaxe e demostración de cociñado co chef Iván Méndez e os sumilleres Alejandro e Luis Paadín
A programación arrancaba co pregón do sumiller Luis Paadín, un dos grandes momentos da Feira, que foi visto por máis de 3.300 persoas. A inauguración foi outro dos puntos fortes desta fin de semana, con máis 1.700 reproducións, así como os concertos dos regueifeiros Luis Correa "O Caruncho" e Benito Álvarez Lobariñas; e do grupo Fanfarria Taquikardia, visto por máis de 1.700 persoas cada un. A cata comentada leva máis de 1.100 reproducións en apenas dous días e o maridaxe demostración de cociñado co chef Iván Méndez e os sumilleres Luis e Alejandro Paadín, xa foi vista por máis dun milleiro de persoas. “Esta edición supuxo un punto de inflexión na historia da nosa Feira. Chegamos a moita xente, moitísima máis da que imaxinabamos que ía participar nesta Feira do Viño alternativa e dixital”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Unha alta participación deslocalizada que se traduce en máis de 135.000 visualizacións de todo o contido audiovisual xerado durante o evento. Así, máis de 10.000 persoas coñeceron ás adegas con D.O. Rías Baixas subzona O Rosal, a través dos seus vídeos, e arredor de 70.000 persoas coñeceron o territorio a través do spot promocional da Feira. Quérese agradecer tamén o apoio desinteresado de todos os persoeiros que axudaron a difundir a feira cos seus vídeos, vistos por máis de 34.000 persoas. José Manuel González, Serafín Martínez, Iván Raña, Viran Morros, Paquiño Campelo, Terio Carrea, Lucía Rodríguez, Dani Cerqueira, Isabel Risco, Anaír Lomba, Gabriel Marcelli, David Amor, Carlos Blanco, Uxía Senlle, Bea Campos e Javier Díaz brindaron pola Feira do Viño e animaron a toda a xente a participar nunha edición especial e diferente.
E é que esta foi “a Feira da capacidade de reinvención, a Feira do Viño que nunca teríamos imaxinado realizar e que tivemos a capacidade de crear traballando man a man cos adegueiros. Apostamos pola innovación e convertemos esta edición nun auténtico referente da adaptación á nova realidade e á dixitalización, demostrando que xuntos e xuntas somos capaces de superar calquera obstáculo”, recoñece a rexedora.
Dende o Concello quérese agradecer tamén o labor da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, o bo facer de todas e todos os participantes na programación desta edición, o apoio de todas as administracións colaboradoras e, por suposto, a todo o público que seguiu dende o outro lado da pantalla a XXVIII Feira do Viño do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario