O Concello do Rosal súmase á Rede de Concellos Ágora polo espazo público
· Aprobouse no pleno celebrado este xoves no Centro Social Polivalente
· Tamén se deu luz verde á modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal que permitirá afrontar novos retos de futuro
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal aprobou este xoves en pleno ordinario a súa adhesión á Rede de Concellos Ágora, unha rede de acción institucional entre concellos e Deputación de Pontevedra que ten como prioridade a revalorización do espazo público e a súa recuperación para o desfrute da veciñanza. O obxectivo desta rede é que, de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclables. “Continuamos a dar pasos cara unha transformación do Rosal en termos de mobilidade, implicándonos en proxectos que buscan devolverlle a prioridade á veciñanza e recuperar espazos para as persoas”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Trátase dunha rede estable de traballo promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra, a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos. Baséase no principio de considerar o espazo público de calidade como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación que as administracións deben garantir, colocando ás persoas primeiro e avogando por unha mobilidade inclusiva na que nenos e nenas, persoas maiores e persoas con diversidade funcional teñan prioridade.
Os Concellos Ágora tamén se comprometen a promover a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais e itinerarios peonís e ciclables no ámbito rururbano e interurbano, incentivando políticas de calmado de tráfico, reducindo a presenza de vehículos e creando espazos públicos amables e de calidade. Estes espazos servirán ao mesmo tempo para o fomento do comercio local e os concellos deberán promover nestes espazos recuperados actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer que sirvan tamén como recurso turístico.
Durante este pleno tamén se aprobou unha modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal co obxectivo de afrontar novos proxectos de futuro, como o ecoparque de Viso dos Eidos e Martín. Con esta reestruturación o Concello do Rosal contará co financiamento para poder licitar este proxecto. O equipo de Goberno fomentará a participación cidadá presentando o proxecto en exposición pública á veciñanza de Viso dos Eidos e Martín para recoller as súas apreciacións, suxestións... Na orde do día do pleno tamén se incluía a modificación de representantes do goberno municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario