O Concello do Rosal aprobou a licitación do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución para a remodelación da Praza do Calvario
· Primeiros pasos para a reforma integral do núcleo urbano As empresas interesadas terán 15 días naturais para presentar as súas propostas desde a súa publicación.
· O proxecto redactarase tendo en conta a participación veciñal
A alcaldesa do Rosal - no centro da imaxe - cos membros do Equipo de Goberno Municipal, na Praza do Calvario cuxa remodelación busca recuperar espazos públicos de calidade para á veciñanza
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal aprobou este xoves en xunta de goberno a licitación do contrato para a redacción do proxecto construtivo, básico e de execución para a remodelación da Praza do Calvario. Danse así os primeiros pasos para unha remodelación integral deste núcleo urbano coa que se busca recuperar espazos públicos de calidade para a veciñanza.
As empresas interesadas terán 15 días naturais para presentar as súas propostas desde a súa publicación este mesmo venres. Pasado este prazo, e tras a adxudicación, a empresa elixida terá cinco meses para a redacción do proxecto básico. Para a elaboración deste proxecto o Equipo de Goberno Municipal que preside a alcaldesa Ánxela Fernández, vai contar coa veciñanza, ás que se lle dará voz a través dun proceso participativo para que sexa a propia sociedade civil a que opine, faga suxestións,..., sobre o futuro da praza.
A PRAZA DO CALVARIO CONSERVARÁ SEU USO POLIVALENTE
A PRAZA DO CALVARIO CONSERVARÁ SEU USO POLIVALENTE
A Praza do Calvario representa o centro social e administrativo do Rosal e está baixo afectación e protección da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que calquera actuación debe contar co seu visto e prace. Ademais, no proxecto de reforma debe conservarse o uso polivalente da praza, pero cun marcado carácter peonil servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantindo o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.
O proxecto final presentado deberá de dotar de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñer novos usos e actividades que dinamicen a zona. Na reurbanización deberanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza do Calvario e a súa contorna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario