Entra en funcionamento a área de preferencia peonil do concello de Tomiño
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas adxacentes á Praza do Seixo, o Concello contará cun sistema de cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico
Rúa A Guarda
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
O Equipo de Goberno Municipal do Concello de Tomiño vén de facer público que o día 1 de agosto de 2020 entra en funcionamento a Área de Preferencia Peonil nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados.
Avenida República Arxentina
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas A Guarda e Avenida República Arxentina, o Concello contará cun sistemade cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico nas vías urbanas. Este sistema funcionará de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comprobará cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xerará as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.
Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.
Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).
Ademais, reforzarase a vixilancia das zonas azuis co obxecto de garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria.
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, lembra que a cidadanía conta con tres estacionamentos municipaisgratuítos, situados nas zonas próximas ao Seixo.
Tanto residentes como comerciantes, continúan tendo á súa disposición no Concello ou na da sede electrónica (tomino.gal), un modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.
As obras de recuperación do espazo público levadas a cabo no núcleo do Seixo, cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra),estanse a rematar nestas semanas na rúa Colón, que tamén será peonil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario