O Concello do Rosal contratou a 8 persoas ao abeiro de varios programas de fomento do emprego
Este mesmo 1 de xullo incorporáronse seis peóns de limpeza viaria, un albanel e unha técnica forestal
Casa do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal incorporou este mércores 1 de xullo a 8 novos traballadores e traballadoras contratados ao abeiro de diferentes programas que buscano fomento da colocación de persoas inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Así, dende hoxe, o Concello conta na súa plantilla cunha técnica forestal, cun oficial albanel para a revalorización de espazos públicos e con seis peóns de recollida de lixo e limpeza viaria e forestal máis.
Así, a través do programa de fomento do emprego no medio rural Aprol Rural 2020, o Concello contratou unha técnica forestal a xornada completa durante 9 meses para a tramitación dos expedientes relacionados coa prevención de incendios forestais e limpeza de fincas. Ademais, ao abeiro da segunda quenda do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra contratáronse a dúas persoas para os postos de oficial albanel para a revalorización de espazos públicos e de peón de recollida de lixo e limpeza viaria e forestal. Estas dúas persoas contarán cunha xornada completa e a duración do contrato será de seis meses.
Contratadas outras cinco persoas desempregadas
Xa por último, procedeuse á contratación doutras cinco persoas desempregadas perceptoras da Risga como peóns para o servizo de limpeza viaria municipal. Estas persoas, contratadas cunha xornada semanal que oscila entre as 25 e as 30 horas durante 9 meses, encargaranse de tarefas como a recollida de lixo, a limpeza viaria e a roza forestal ou a xestión e clasificación de residuos, entre outras.
O Equipo de Goberno do Concello da a benvida a estes novos traballadores e traballadoras e quere trasladar o seu agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas dos diferentes procesos selectivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario