8 de xul. de 2020

O PORRIÑO

Bará: “O 12X hai que concentrar o voto das persoas que queren cambio no Bloque porque canto máis BNG, menos PP”  

· O cabeza de lista fixo en O Porriño un chamamento á mobilización subliñando que o BNG de Ana Pontón “é a alternativa real a Feixóo”  

· En clave local citou o compromiso para a transferencia e a urbanización da PO-331 e o soterramento da liña de AT en Torneiros

Xosé Luís Bará, Cristina Fernández e Francisco Chivite, no mitin desta tarde en O Porriño


Infogauda / O Porriño 

 A catro días da cita coas urnas, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Xosé Luís Bará, afirmou hoxe en O Porriño que o vindeiro domingo hai que concentrar o voto das persoas que queren cambio en Galiza porque “canto máis BNG, menos PP”. Bará subliñou que lograr un tempo novo “está ao alcance da man” tendo en conta o ambiente e a ilusión que se está a notar na campaña electoral arredor da formación nacionalista: “Estanse alineando os astros para que teñamos a primeira presidenta da historia en Galiza, Ana Pontón”, subliñou.  

 O cabeza de cartel lembrou que hai 700.000 persoas indecisas e tamén unha tendencia de crecemento e un medre imparable do BNG. Fixo fincapé en que nestas eleccións o BNG ten dous grandes obxectivos: “Derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e ao centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E, en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón, que co seu liderado potente, atraente e inclusivo é a alternativa real a Feixóo”.  

 No Parque do Cristo, Bará afirmou que o BNG está preparado para gobernar e coller o mando e a dirección do país cun proxecto propio, transformador, pensado dende e para Galiza e a súa maioría social que servirá “para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galiza nun país co motor parado”. Segundo explicou o candidato, a primeira medida do BNG de Ana Pontón para facerlle fronte á crise no goberno galego será tecer un grande acordo ou grande coalición institucional e social polo futuro de Galiza para a reactivar a economía, o impulso e a modernización de país.   

 Nun mitin no que participaron as tamén candidatas Cristina Fernández e Francisco Chivite, Bará fixo un chamamento á mobilización do voto xoven e un chamamento á xente moza como motor do cambio, xa que ao seu entender será clave para un gran ascenso do BNG e derrotar ao Partido Popular.  Así mesmo, subliñou a necesidade de concentrar no Bloque o voto da xente galeguista e nacionalista porque “tanto a abstención como a división do voto das persoas que lle queren ao país e queren cambio serán como votar ao Partido Popular”.  

 “Hai que darlle o finiquito ao PP, confinalo na oposición, mandalo para Madrid”, dixo Bará, argumentando que nestes momentos non hai nada decidido, senón que se decide todo o 12X nas urnas: “Hai partido e nós saímos a por todas. Saímos a gañar. O futuro é noso”, indicou o cabeza de cartel, quen augurou un grande resultado para o BNG que permitirá “poñer en marcha o cambio galego, abrir un tempo novo e darlle esperanza e futuro ao país”.  

 En clave local, Bará fixo referencia a débedas históricas da Xunta na zona, como a variante da PO-510 en Budiño, a transferencia do tramo urbano da PO-331 (rúas Progreso e Bos Aires), a construción dun novo centro de ensino de Infantil e Primaria, que o Sergas asuma a xestión da Unidade de Drogodependencias, ou o soterramento da liña de alta tensión en Torneiros.  

 Segundo dixo Bará, O Porriño “terá un goberno a favor” a partir do vindeiro 12X. Destacou que fronte á inacción do goberno do PP, o BNG axilizará a súa colaboración para sacar adiante actuacións seguindo o modelo BNG. Insistiu, de feito, na necesaria intervención nas estradas de titularidade da Xunta, nas que é preciso realizar actuacións de seguranza viaria e de mellora da mobilidade peonil, así como nos centros de ensino público, dos máis antigos do país, nos que non houbo investimentos de importancia do goberno autonómico nos últimos once anos a pesares de que, por exemplo, o CEIP Fernández López precisa unha intervención integral. “Hai unha débeda secular”, destacou o nacionalista. 

Cristina Fernández na súa intervención 


 Pola súa banda, na súa intervención, a candidata Cristina Fernández fixo unha chamada á mobilización da veciñanza para facer historia como aconteceu en Ponteareas en 2015, cando o BNG gañou a alcaldía ao PP, que “ata entón gobernaba o Concello como o seu chiringuito”. “Queremos que a maioría social confíe en nós como aconteceu entón e poder poñer á fronte da Xunta a unha muller solvente que abrirá un tempo novo neste país, Ana Pontón”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario