CONVOCATORIA DE CONCENTRACIÓN DO PERSOAL DE VITRASA
Para o próximo venres,
24 de xullo, ás 10 horas, diante do Concello
Infogauda / Vigo
O
comité de Vitrasa ten convocada unha concentración para o próximo venres,
24 de xullo, ás 10 horas, diante do Concello, ante a falta de resposta
ás problemáticas formuladas polo persoal e a insuficiencia nas medidas
anunciadas polo Goberno municipal para contrarrestar o ERTE.
A
representación da CIG chama as traballadoras e traballadores a participar na
protesta e denuncia que segue sen aclararse que se vai facer cos baños
portátiles para os/as traballadores/as da concesionaria colocados durante o
estado de alarma; e que das medidas anunciadas polo alcalde de Vigo para
contrarrestar o ERTE de Vitrasa, “unicamente
se levaron a cabo as que significaron unha mellora para a empresa, como foi
unha ampliación en 5 anos da actual concesión, pero ningunha das anunciadas
para o persoal”.
Así mesmo, en esta concentración reivindicaranse outros problemas como o
réxime de xornada con descansos en ocasións inexistentes, a eventualidade, a
ineficacia das mamparas colocadas para combater a COVID-19, a inexistente
protección da mutua, a falta de EPI -sobre todo no taller-, a inclusión de
novos métodos de pago e os incumprimentos tanto do Convenio Colectivo como de
acordos realizados, que implican unha merma na calidade do servizo ofrecido
aos/as viaxeiros/as e do propio traballo do persoal.
Dende a representación da CIG agardan que nesta ocasión “o alcalde de Vigo
se achegue a falar con nós e podamos aclarar algún destes temas formulados”.
Neste senso, Imanol Arnoso, delegado da CIG e presidente do comité, lembra que
“o responsábel último e un dos que debe de gardar por nós é o adxudicador da
concesión”.
Advirte que se tras varias concentracións nin o Goberno de Vigo nin a
concesionaria deron ningunha mostra de entendemento “debemos ser máis
contundentes coas accións reivindicativas o que suporá incrementar as medidas
de presión co resultante prexuízo para os/as viaxeiros/as”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario