A CIG concentrouse nos xulgados para denunciar a represión que sofre a delegada sindical en GKN Automotive Vigo
A traballadora gañoulle un xuízo por cesión ilegal á empresa, que agora se nega a recoñecela como delegada da sección sindical
A CIG realizou unha concentración esta mañá ás portas dos xulgados do Social de Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG realizou unha concentración esta mañá ás portas dos xulgados do Social de Vigo "para denunciar a represión sindical que está a sufrir a delegada sindical da CIG en GKN Automotive. Esta traballadora gañoulle un xuízo á empresa no que se recoñeceu a cesión ilegal por parte da contrata na que traballaba (Servicios Profesionales de Prevención S.L) e GKN Driveline SA, outorgándolle o dereito de opción á traballadora. Nesta sentenza do TSXG (do 18 de novembro) declarábase tamén a súa condición de persoal indefinido con categoría profesional de licenciada e unha antigüidade do 1 de maio de 2018".
Porén, GKN non a deu de alta até o 28 de marzo "sen ter a día de hoxe comunicación ningunha por parte da mesma, nin tarxeta de entrada para poder acceder á fábrica, estando en situación de regulación de emprego dende entón e sen ir un só día traballar a pesar de que a empresa informou o día 20 que suspendía o ERTE até finais de agosto polo incremento da demanda".
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, lembra que o pasado día 16, a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo porque "mentres esta traballadora está regulada as súas tarefas son realizadas por contratas, indo esta actuación en contra do propio decreto que regula os ERTE".
Vulneración de dereitos fundamentais e da Lei orgánica de liberdade sindical
Ademais do proceso por cesión ilegal xa resolto no TSXG, a traballadora tiña presentada outra demanda por despedimento improcedente que é a que hoxe se ve no xulgado do Social e que GKN pretende utilizar como escusa para non recoñecerlle a súa condición de delegada sindical. "O que está facendo a empresa é tentar limitar o dereito da CIG a elixir os seus e as súas delegadas sindicais, mesturando intencionadamente as garantías de indemnidade que recolle a Lei orgánica de liberdade sindical co proceso xudicial, ao argumentar que é unha fraude de lei porque a sección sindical da CIG a nomeou para que non a poidan despedir. Pero a empresa non ten potestade para decidir a quen designa a CIG para representar a súa afiliación, iso é algo que só lle corresponde á sección sindical", apunta González Sío.
A representación da CIG denuncia que GKN está vulnerando dereitos fundamentais da traballadora recollidos na constitución e na Lei Orgánica de Liberdade Sindical, ao perseguir a unha empregada e discriminándoa no traballo pola súa militancia sindical e ao tempo negando o dereito da sección sindical da CIG e elixir a delegada sindical. Ambas cuestións xa foron denuncias pola Federación de Industria na Inspección de Traballo e tamén serán denunciadas en vía xudicial.
Ataque machista
Dende a Sección Sindical da CIG entenden que o acoso que está a sufrir esta traballadora constitúe así mesmo un ataque á súa condición de muller, pois tanto ela como outra compañeira que tamén ten aberto un proceso xudicial contra GKN Automotive por cesión ilegal "son as dúas únicas mulleres no departamento de prevención e as únicas que realizan a súa actividade nunha empresa externa, mentres todo o persoal deste departamento que pertencen ao cadro de persoal de GKN son homes".
Neste senso, consideran que o feito de ser muller condiciona a negativa da empresa a aceptala como delegada sindical, nun comité de empresa de GKN Automotive no que os 21 representantes son homes, así como os 6 delegados sindicais. "Non temos ningunha dúbida que se Trini fora un home non estaríamos nesta situación" din dende a sección sindical da CIG.
Esa é non outra, aseveran, foi unha das principais razóns da sección sindical da CIG para designar a esta traballadora nun sector no que, a pesar de que as mulleres cada vez teñen un maior peso nos cadros de persoal, a representación sindical está totalmente masculinizada. Cuestión esta que a Federación da CIG Industria ten vontade de mudar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario