Unísono négase a devolver os salarios detraídos ao persoal que secundou a paralización de actividade polo risco grave de contaxio
O comité denuncia a actuación miserenta da empresa durante a pandemia e o total abandono por parte das autoridades competentes
De esquerda a dereita: Antón Otero (UGT), Luisa María Baños (CIG) e Remedios Pérez (CGT), na rolda de prensa desta mañá no local da CIG de Vigo
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
O comité de Unísono Vigo compareceu hoxe en rolda de prensa "para denunciar a ruín actuación da empresa que non só non garantiu a seguridade do seu persoal durante os primeiros momentos da emerxencia sanitaria, senón que agora pretende tirar proveito do risco ao que se viron sometidas as traballadoras e os traballadores ao negarse a devolverlle as cantidades que lles descontou nas nóminas de abril por non acudir ao seu posto ao existir un serio perigo de contaxio".
Hai que lembrar que o pasado 18 de marzo o Comité de Unísono veuse na obriga de aplicar por risco grave e inminente de contaxio da COVID-19 unha paralización da actividade nas plataformas de Vigo, ante a falta de medidas de seguridade e a comunicación o día anterior dun caso positivo. Esta paralización da actividade está avalada polo artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos.
"Nese momento - lembrar desde o Comité de Empresa - estabamos en activo nos tres centros de traballo arredor de 900 persoas, non cumprindo a distancia requirida polo Ministerio de Sanidade, incumprindo o protocolo establecido pola covid-19, xa que traballabamos a unha distancia de entre 40 e 80 cm. Unhas persoas das outras, en postos compartidos e sen que se realizara a desinfección destes por parte de Unísono entre quenda e quenda. De feito, era o propio persoal quen tiña que desinfectar os postos".
Nin distancias de seguridade nin desinfección
Nese contexto, "a empresa comunica a todo o persoal un caso positivo na tarde do 17 de marzo mais sen ordenar o desaloxo do centro de traballo, nin mandar a corentena preventiva as persoas con contacto estreito. A actuación da empresa limitouse a unha simple desinfección no centro afectado ás 11 da noite, e ás 8 da mañá o persoal seguiu traballando como se nada pasara, e sen nin sequera manter unha distancia de seguridade".
"Despois de pedir en varias ocasións a Unísono que tomara as medidas de seguridade que se indicaban nese momento e despois de varias denuncias en Inspección de Traballo, e vendo que a empresa non facía nada ao respecto", o Comité de Empresa viuse "na obriga de tomar a determinación, de forma unánime, de paralizar a actividade, tras comunicalo tanto a Unísono como a todas as autoridades pertinentes para garantir a saúde de todas/os traballadores".
Abandono total das autoridades laborais
Esta paralización debía ser revisada no prazo de 24 horas pola autoridade laboral correspondente, neste caso a Consellería de Sanidade por estar en estado de alarma.
"Entendemos que foi unha situación que superou a todas as institucións, pero a pesar da presión do Comité para que resolvese esta situación e despois de comunicar, en varios días, que acudirían aos centros de traballo, a visita nunca se produciu, polo que o Comité quedou sen ningún tipo de resposta por parte das Autoridades pertinentes e os traballadores e traballadoras nunha situación de abandono e total indefensión".
Descontos de até 300€ en salarios que non superan os 800€
O 25 de marzo, o Comité decidiu suspender o proceso, comprobando que a empresa comeza a implantar algunhas medidas de seguridade, como o teletraballo, a distancia entre os postos e unha maior limpeza dos centros.
Fontes sindicais afirman: "A sorpresa chega no mes de maio, cando a unha parte do persoal que secundou a paralización da actividade se lle descontan os días que se acolleu á mesma, dándose descontos en nóminas de entre 200 e 300€ nuns salarios que andan nos 700 e 800 euros. Iso si, os descontos non foron para todo o persoal que secundou os paros, senón que afectaron algunhas persoas traballadoras, sen que se saiba se isto responde a unha estratexia".
A pesar de que o comité intentou por todos os medios que a empresa non descontase eses salarios, xa que a propia Lei de Prevención de Riscos Laborais di que non pode haber prexuízo ningún en aplicar esta medida, e das reclamacións do persoal afectado aludindo á resolución de Inspección de Traballo que di que non pode haber descontos en nómina por esta causa, o pasado 15 de xullo pediuse unha mediación no AGA. Nesta, "Unísono négase a abonar os salarios descontados. A única resposta de Unísono é que decidirá un xulgado. Con esta decisión, a empresa evidencia que a súa única preocupación durante a emerxencia sanitaria foi gañar cartos a conta da saúde do seu persoal. Como ben puxeron no Twitter corporativo de Unísono, “LO IMPORTANTE NO ES EL CORONAVIRUS, ES EL CLIENTE”, e quedou claro que tampouco era importante a saúde do seu persoal".
Accións legais e Mobilizacións
Os sindicatos con representación no comité de empresa, CIG, CGT e UGT están estudando coas súas asesorías xurídicas as posibles accións legais contra Unísono, ademais da planificación de mobilizacións ante o que consideran un "claro caso de represión sindical".
Ningún comentario:
Publicar un comentario