A CIG rexeitará no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo a extinción da concesión de Factorías Vulcano
Infogauda / Vigo
A CIG adianta que, no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo que se vai celebrar este vindeiro 31 de xullo e no que se tratara a extinción da concesión administrativa de Factorías Vulcano, o representante da central sindical votará en contra deste punto.
A CIG non entende a urxencia de incluír este punto no consello de administración deste mes de xullo, cando existe unha forte oposición de diferentes colectivos (sindicatos, patronal, partidos políticos) contra a decisión de que desapareza a concesión de Vulcano, posto que terá efectos sobre o futuro industrial da cidade, fortemente castigada polo desemprego.
"Desde a CIG reiteramos que o informe do Consello de Estado é un ditame consultivo sen ningún tipo de efecto vinculante, que basicamente insiste na mesma interpretación da avogacía do Estado", apunta Anxo Inglesias, representante da central sindical no consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo.
Iglesias lembra a importancia da decisión xudicial do pasado mes de abril que desestimaba o recurso de apelación presentado pola Autoridade Portuaria contra o plan de liquidación ditado polo xulgado do mercantil nº 3 de Vigo. Esta resolución xudicial estabelece que a concesión administrativa até o 2027 debe contemplarse na venda da unidade produtiva.
Na actualidade hai dous proxectos interesados en facerse cos terreos de Factorías Vulcano para continuar coa actividade da construción naval.
Pero nestes meses a actitude de Enrique López Veiga, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, foi recuperar a concesión de Vulcano e destinala a outros usos que non foran os industriais. "Incluso a decisión de presentar recurso xudicial ao xulgado do mercantil nº3 foi unha decisión da presidencia, que non pasou polo consello de administración", denuncia Iglesias.
A este respecto, critica a actitude de López Veiga que, como responsábel dun organismo público, en vez de apoiar aquelas iniciativas que procuran unha viabilidade para este estaleiro, "só pensa en gañar espazo para contedores. A Autoridade Portuaria de Vigo é un organismo público, non unha empresa privada, que procure rendibilidade", asevera.
A CIG sempre defendeu a continuidade da actividade da construción naval nos terreos de Teis, xa que se trata dunha actividade estratéxica para Vigo, para a súa comarca e para conxunto de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario