Carmela Silva visita a sede de Smartpeme en Vigo "somos a grande referencia en Galicia en asesoramento TICs"
A presidenta destacou que o programa da Deputación "ten cada vez máis demanda e todos os negocios que foron asesorados melloran"
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e Ana Mejías - a esquerda da imaxe -, deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial na sede viguesa da institución provincial
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Vigo
"A rede Smartpeme
convértenos nunha grande referencia en TICs, non hai ningún servizo
coma este en toda Galicia". Así vén de afirmalo hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, poñendo en valor o programa provincial Smartpeme na súa visita á sede de
Vigo xunto á deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento
Empresarial, Ana Mejías. "Smartpeme dá grandes beneficios á sociedade,
cada vez hai máis demanda e todos os negocios que foron asesorados
melloran, as empresas valoran este servizo de forma moi positiva",
subliñou.
"Este programa dedícase a introducir todos os
elementos TIC nas pequenas e medianas empresas e nas actividades que
realizan autónomas e autónomos e tamén facilita que as ideas
emprendedoras se convertan en proxectos económicos", continuou a
presidenta da Deputación. Amais, Carmela Silva destacou que a sede de
Vigo, ao igual que a de Pontevedra, está especializada no sector
turístico. "Contamos cun asesoramento individual dedicado ao turismo, un
sector potentísimo, ao que temos que axudar para que fagan unha
transformación do presencial, do analóxico, da promoción pouco
dixitalizada, a un novo modelo onde as novas tecnoloxías son o
instrumento de decisión".
Durante a visita, a presidenta
provincial informou que cada ano aumentan os servicios dentro de
Smartpeme, "este ano temos dous servizos novos, un dedicado ao comercio e
outro ao terceiro sector". En canto ao comercio, "xa estamos
traballando no proxecto de aceleradoras, facendo un seguimento para que
esas 10 empresas seleccionadas poidan acabar este proceso sendo moito
máis potentes e tendo un proxecto moi ligado ás TICs", subliñou a
presidenta. No que ten que ver coa promoción da economía social, do
terceiro sector, Carmela Silva destacou que cada día ten máis relevancia
tanto a nivel social como económico. "Estamos a traballar para que
ninguén quede atrás, o terceiro sector está a desenvolver proxectos moi
potentes e queremos axudar para que dean ese salto cara á
internacionalización e competitividade, creando máis negocios e polo
tanto xerando máis emprego".
En canto aos datos concretos da
sede de Vigo dende o ano 2016 realizáronse 1.526 asesoramentos a 933
empresas e 243 talleres aos que asistiron preto de 2.000 persoas.
Ademais, durante o plan de continxencia Covid fixéronse 202
asesoramentos a 123 empresas e, en canto a TurisTIC realizáronse 65
asesoramentos a 53 empresas. Estes datos foron enxalzados por Carmela
Silva que tamén sinalou que "hai comunidades tan importantes como
Andalucía que queren vir coñecer Smartpeme, iso dá mostra da relevancia
deste proxecto".
A presidenta provincial, que subliñou o feito
que das dez persoas asesoras sete son mulleres, adiantou tamén a
previsión de actividades na sede de Vigo ata novembro. Deste xeito, este
xoves ás 9:30 terá lugar, a través de zoom, a webinar práctica dirixida
a persoas autónomas sobre ERTEs, cuestións claves e implicacións
legais, a cargo da conferenciante Laura Prado. En dúas semanas, tamén se
vai desenvolver outra webinar, a cargo de Gloria Gubianas, sobre "Como
cambiar o mundo a través da empresa". De cara ao mes de outubro
realizarase un Almorzo Networking e, previsiblemente en novembro
celebrarase a III Xornada TurisTIC y Hackaton.
A
rede Smartpeme conta con sete puntos de información e formación situados
en Pontevedra, Vigo, Lalín, Barro, O Porriño, Cambados e Ponteareas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario