17 de xuño de 2020

TURISMO

Preto de 80 negocios de restauración e aloxamento recibirán axudas para mellorar equipamentos e servizos

A Xunta de Galicia comunica aos beneficiarios a resolución desta convocatoria, dotada con 1,5 M€ para accións de modernización, accesibilidade ou eficiencia enerxética 

O obxectivo é contribuír á renovación e mantemento das instalacións e dar unha oferta competitiva e de calidade dirixida tanto a galegos como a visitantes



Infogauda / Galicia 
 
  A Xunta de Galicia notificou hoxe a resolución da liña de axudas posta en marcha a finais do pasado ano para financiar, cun investimento de 1,5 M€, actuacións de mellora en establecementos de aloxamento turístico e restauración. Trátase dunha convocatoria que, como novidade, abriuse tamén para os restaurantes e da que se van beneficiar preto de 80 establecementos de toda Galicia.

 Con esta achega, a Xunta contribuirá a financiar, entre outras actuacións, accións de mellora nos equipamentos e servizos dos negocios, buscando unha oferta de maior calidade para os propios galegos e os visitantes. Inclúense proxectos de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, melloras nas instalacións para obter certificacións de excelencia, actuacións de renovación e modernización das instalacións ou melloras na climatización.

 En función do número de solicitudes recibidas, a liña consigna 450.000 entre os máis de 30 restaurantes que solicitaron a axuda e que cumprían cos requisitos. Pola súa parte, os establecementos de restauración contarán con 1 M€ dirixidos tanto a hoteis e pensións como a outras tipoloxías de aloxamentos tales como albergues, cámpings, entre outros. En total, son 50 os negocios das catro provincias aos que lles notificou a resolución favorable.

Destino de calidade

 A posta en marcha desta liña de axudas enmárcase nos obxectivos da Consellería de Cultura e Turismo de favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade co obxectivo afondar un destino accesible e de calidade. Esta liña estratéxica cobra especial importancia para os empresarios e autónomos que, tras semanas de parón obrigado, retoman a súa actividade neste escenario de incerteza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario