XVII Andainatudense Solidaria 2020
Celebrarase o sábado 11 de xullo, ás 10 da mañá, desde a praza de san Fernando
Club Andatui / Tui
Desde o club Andatui informamos que o sábado 11 de xullo celebraremos a XVII Andainatudense Solidaria 2020.
Este ano a saída será desde a praza de san Fernando, diante da Catedral de Tui, ás 10 da mañá. Colleremos o Camiño Portugués ata a Virxe do Camiño onde, por diversos sendeiros, encararemos a subida ao monte Aloia. Pasaremos polo rego de pedra e enlazaremos co antigo camiño dos romeiros que subían ao monte no día da Virxe das Angustias, finalmente recorreremos parte da muralla ciclópea que nos levará ata a capela de san Xiao, onde xantaremos. Pola tarde iniciaremos o descenso recorrendo outro tramo da muralla ciclópea para baixar ao sendeiro do regato Cotarel, atravesaremos polo xardín botánico e pasaremos pola espectacular faia, unha das árbores máis senlleiras do monte Aloia e posiblemente a máis fermosa de Galicia. Xa no tramo final camiñaremos ao carón do río Tripes antes de chegar ao paseo da Corredoira, lugar escollido este ano para rematar a XVII Andainatudense Solidaria.
Un ano máis a acción solidaria irá destinada a SOS Tomiño Baixo Miño, polo que no momento da recollida de dorsais aconsellamos aos participantes entreguen un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros.
Xa están abertas as inscricións na páxina www.andatui.es. O prezo é de 10 euros e as inscricións que finalizarán o mércores 8 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario