19 de xuño de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño pon a punto sendas e sendeiros de espazos naturais para disfrute da cidadanía  

Tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar para pasear e facer exercizo, as distintas zonas verdes do municpio   

Vista parcial da senda do río Miño, a carón da praia fluvial de Goián
Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, vén de arranxar varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, para pasear e facer exercizo, poida facelo nas mellores condicións posible, apreciando ademais a riqueza ambiental e paisaxística existente.  

 A senda do río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas pola cidadanía para caminar ou andar en bicicleta, polo que foi unha das primeiras acondicionadas, despois de que o inverno e as chuvias afectaran algunhas partes da instalación. Así, foi necesario limpar as marxes da senda e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituir o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.



Estanse a levar a cabo obras de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián


 Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín. Do mesmo xeito, estanse a levar a cabo obras de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.  

 O concelleiro responsable destas melloras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo, o que fixo necesario, xunto coa proximidade do verán, concentrar esforzos no acondicionamento e mellora das zonas de paseo e esparxemento do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario