19 de xuño de 2020

TOMIÑO

O Concello de Tomiño ofrece unha serie de actividades de verán para realizar en familia  

Para previr posibles contaxios non se celebrarán campamentos nin se abrirán os parques infantís  

Infogauda / Tomiño

 O Equipo de Goberno do Concello de Tomiño propón unha serie de obradoiros de diferentes deportes e actividades de verán para realizar en familia. "Por mor da pandemia, decidiuse cancelar a programación deportiva e o campamento de verán que se ofertaba de xeito habitual", vén de facer público o executivo local.  

 "O principal motivo é que o Concello carece dos medios necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios entre a infancia participante nas actividades de lecer e tempo libre que se desenvolven na tempada estival.  

 Debido ao anteriormente explicado, ofértase unha programación alternativa con actividades destinadas ás familias, infancia, mocidade e persoas adultas. Son actividades nas que se cumpre o distanciamento social e o resto das medidas de seguridade e hixiene. Ademais, a realización de actividades en familia axuda a estreitar lazos afectivos e de comunicación, e a contrarestar o sedentarismo e estimular a capacidade imaxinativa".  

Actividades 

– Zumba en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Pilates en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Ioga para bebés: cada bebé ten que ir acompañado por unha persoa adulta. 
– Mindfulness e ioga familiar: a partir de 3 anos e sen límite de idade. 
– Danza en familia: a partir de 3 anos e sen límite de idade.
– Kundalini ioga: a partir de 12 anos e sen límite de idade. 
– Hip Hop: de 12 a 30 anos.  

 Todas as actividades realizaranse en horario de mañá, entre luns e venres. Se hai demanda suficiente levaranse a cabo en Goián (fortaleza) e en Tomiño (Campo da Feira).  

 Por outra banda, o Concello de Tomiño manterá pechados polo de agora os parques infantís, ao non poder asumir as condicións sanitarias establecidas para a súa reapertura. Por responsabilidade e dada a situación que se está a vivir, o Concello decidiu atrasar o uso destas instalacións, xa que a limitación de recursos non permite executar as medidas de seguridade e prevención ante posibles contaxios.  

 Dende o goberno local apélase á responsabilidade individual e a que se respecten as normas e non se rachen precintos para acceder e utilizar os parques infantís do concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario