Todo listo para o encontro de xornalistas "As mulleres que opinan son perigosas"
Case 200 persoas xa están inscritas para esta edición en liña que reunirá desde este venres a oito mulleres referentes da opinión xornalística
Infogauda / Pontevedra
Co mesmo obxectivo que en edicións anteriores, a visibilización das
mulleres xornalistas como formadoras de opinión, todo xa está listo para
o arranque este venres, ás 17 horas, dunha nova edición de "As mulleres que opinan son perigosas",
edición que será en liña nestes tempos da COVID-19, pero que contará
con oito poñentes que reflectirán sobre as consecuencias da crise
sanitaria no xornalismo, especialmente nas profesionais.
Promovido polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López e cofinanciada
un ano máis pola Deputación de Pontevedra e polo Concello de
Pontevedra, esta edición volverá a contar con mulleres referentes do
panorama xornalístico galego e estatal. Entre a tarde deste venres e o
sábado pola mañá, ademais das organizadoras, participarán Claudia Morán e
Tamara Montero de Xornalistas Galegas; Clara Jiménez de Maldita.es;
Magda Bandera, de La Marea; Noemí López Trujillo de Newtral.es; Ángeles
Caballero de El Confidencial, Onda Cero, La Sexta e 24 Horas; e as
galegas Sara Vilas e Selina Otero de Diario de Pontevedra e Faro de
Vigo.
O encontro comezará este venres, ás 17 horas,
se desenvolverá vía Zoom e poderá seguirse na web e nas redes sociais
da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva,
xunto ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores e ás organizadoras
asistirán ás xornadas de forma presencial desde un set no Edificio
Administrativo que, ademais, contará na súa estética con flores e
plantas do Baixo Miño como mostra de apoio ao sector dos viveiros que
sufriu de forma moi dura o peor momento da crise sanitaria. Ata o
momento xa son case 200 persoas inscritas que poderán intervir na quenda
de preguntas. As inscricións poden facerse a través das web oficiais de
Deputación de Pontevedra e do Concello de Pontevedra.
O
encontro "As mulleres que opinan son perigosas", que xurdiu en 2018 como
resposta e en desagravio ao Congreso de Columnismo en León que se
anunciou sen unha soa muller, converteu a Pontevedra nun referente con
millóns de impactos. Nas súas edicións anteriores, reuniu a columnistas
recoñecidas en todo o estado, entre elas xornalistas como Ana Pardo de
Vera, Pepa Bueno, Elisa Beni, Ana Romaní, Gemma Herrero, Marta Sanz,
Lorena Maldonado, Tati Moyano, Rosa Montero, Celia Blanco, Anais Bernal,
Fernanda Tabares ou Anita Botwin.
Ningún comentario:
Publicar un comentario