26 de xuño de 2020

PONTEVEDRA

O cambio climático, a importancia dos bosques e a enerxía alternativa nos novos convenios da Deputación na súa aposta medioambiental  

A institución redobra o seu compromiso e asina acordos con ASEFOGA, FEGAMA e Vento Noso para impulsar obradoiros en centros escolares e formar ao sector agrogandeiro

Carmela Silva presidiu o acto da sinatura de tres novos convenios de colaboración con ASEFOGA, FEGAMA e Vento Noso
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra 
  "Hoxe é un bo día para o Medio Ambiente na provincia de Pontevedra", aseguraba Carmela Silva na sinatura de tres novos convenios de colaboración por case 113.000 euros con ASEFOGA, FEGAMA e Vento Noso. "Falamos de tres iniciativas potentes, que dan cumprimento aos ODS e a Axenda 2030, apostando pola concienciación sobre a defensa do Medio Ambiente e loita contra o cambio climático e para que o sector primario camiñe cara a transición ecolóxica", destacou a presidenta. Así, a través destes proxectos, que se desenvolverán ao longo do 2020, organizaranse obradoiros en centros escolares da provincia para concienciar á rapazada sobre o cambio climático e o papel dos bosques, así como cursos de formación dirixidos ás explotacións agrogandeiras da provincia para o emprego de fontes de enerxía alternativa.

  A presidenta enmarcou a importancia tres convenios en tempos  post Covid-19, xa que "moito do que vivimos ten que ver coa perda da biodiversidade, da acción da humanidade na contorna e na necesidade de cambiar os hábitos". Así, Carmela Silva recordou que "xa a ONU formulaba a necesidade de cambiar o modo de relacionarse a humanidade co planeta e, neste camiño, hai un instrumento fundamental que é a educación". Ao respecto, valorou positivamente a aposta dos convenios con ASEFOGA e FEGAMA por traballar directamente cos centros educativos e mocidade da provincia, xa que ten "moito poder" para, á súa vez, "cambiar ás familias".

  No caso concreto de ASEFOGA, tal e como destacou o seu presidente Jacobo Feijoo, trátase de 14 obradoiros con material didáctico (vídeos e unha exposición itinerante) en centros educativos da provincia, para "completar o curriculum cunha visión fresca e directa do sector forestal de Galicia, facendo fincapé na súa importancia e en aspectos como a xestión sostible, a conservación do Medio Ambiente ou o papel dos bosques na loita contra o cambio climático". Ademais, os obradoiros incidirán na madeira como materia prima e produto renovable, e nas posibilidades de desenvolver ciencia e tecnoloxía arredor dela.

  A Deputación de Pontevedra tamén traballará cos centros educativos da man de FEGAMA, tal e como explicou a súa directora técnica Carmela Cañedo, concretamente con 14 centros escolares nos que, mediante obradoiros con metodoloxías baseadas en xogos divertidos e participativos e trípticos e folletos informativos, se afondará sobre o cambio climático. Ademais dos obradoiros, o proxecto de colaboración contempla tamén o concurso "Como ves ti o cambio climático", para alumnado de 5º e 6º de primaria, con dúas modalidades:  debuxo e relato.

  Con respecto ao convenio con Vento Noso, a presidenta incidiu na súa aposta pola formación e o fomento de enerxías alternativas en explotacións agrogandeiras. "Pontevedra é un territorio moi potente en canto ás explotacións agrogandeiras", asegurou ao tempo que destacaba o papel da formación sobre enerxías alternativas no sector primario "porque a enerxía é un custe moi relevante e apostar polas alternativas supón un importante aforro". Neste mesmo eido incidiu a directora técnica de Vento Noso, Patricia Sánchez, quen subliñou que o obxectivo do convenio é "acelerar a transición ecolóxica no sector agrogandeiro o máximo posible mediante a aposta por enerxías renovables e a formación nesta materia, con cursos formativos, en modalidade online e mixta, a través dos que se analizarán as súas características e o aforro que supón para as explotacións".

Ningún comentario:

Publicar un comentario