22 de xuño de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina máis de un millón de euros aos concellos da provincia 

 

 

O Goberno provincial tamén deu luz verde á nova liña de axudas para favorecer a conciliación e corresponsabilidade cun orzamento de 365.000 euros

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno recursos por un valor de 1.017.000 euros en asistencia aos concellos da provincia. Tal e como informou a presidenta provincial, Carmela Silva, "destinamos 652.000 euros a 11 municipios ao abeiro do Plan Concellos e aprobamos 365.000 euros para a nova liña de axudas extraordinarias para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade".

  No que respecta ao Plan Concellos, as achegas irán para Gondomar, Mondariz-Balneario, Moraña, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Salceda de Caselas, Cangas, Cuntis, Dozón e Oia. Na liña 1, destínanse 127.000 euros a Oia para a merca de terreos e case 150.000 euros serán para que Cangas poida renovar o pavimento do pavillón do Gatañal e dotarlle de condicións óptimas para o uso deportivo de alta intensidade. O novo pavimento do pavillón será deportivo arealástico, cumprirá coa normativa europea, terá unha superficie de máis de 1.300 m2, e será executado nun período aproximado de dous meses. En canto á liña 2, a Deputación aproba máis de 100.000 euros para que Gondomar, Mondariz-Balneario, Moraña, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, poidan desenvolver distintos eventos culturais, de animación, musicais, así coma distintos obradoiros. Na liña 3 de Emprego apróbanse modificacións de achegas para Salceda de Caselas, Cuntis e Dozón que permitirán contratar a 38 persoas.

  Pola súa banda, a nova liña de axudas extraordinarias para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, cun orzamento de 365.000 euros, achegará recursos para complementar a financiación dos programas municipais destinados á poboación que necesita maior atención (nenas e nenos, persoas maiores e persoas dependentes), dando alternativas ás familias ante o peche de centros educativos, centros de día, actividades extraescolares e de ocio.

Bases "O teu primeiro emprego" na Deputación
  A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases do programa "O teu primeiro emprego" na Deputación que, cun orzamento de máis de 720.000 euros, permitirán a posta en marcha de 36 contratos en prácticas para persoas tituladas universitarias ou de formación profesional sen experiencia laboral previa. A presidenta, Carmela Silva, fixo fincapé en que para favorecer a inclusión resérvanse un 10 % do número total de contratacións para persoas con diversidade funcional. "Somos unha das primeiras administracións galegas que dá un paso destas características a prol da inclusión social no eido laboral". Ao igual que na edición anterior, a duración dos contratos será dun máximo de 12 meses (6+6) e a Deputación de Pontevedra asume o 100 % do custo laboral. En concreto serán 22 contratos para persoas con titulación universitaria e 14 contratos para persoas con ciclo formativo de grado superior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario