A Comisión das Festas do Alivio suspende os festexos da festividade por mor do Covid-19
· Se as circunstancias o permiten, celebrarase só a tradicional misa e procesión do domingo 13 de setembro
Membros da Comisión de Festas da Nosa Señora do Alivio, diante do santuario de San Bieito, ao carón do recinto de festas
Foto: C.F.V.A.
Infogauda / Tomiño
A Comisión de Festas da Nosa Señora do Alivio fixo público que tomou “a dolorosa decisión de suspender os festexos do mes de setembro de 2020, por mor da dramática situación provocada pola pandemia do Coronavirus”.
No comunicado sinálase: “A directiva tomou esa decisión tras varias conversacións para valorar a situación e as posibles consecuencias de celebrar a festa, recoñecendo a imposibilidade de evitar posibles contaxios e facer cumprir todas as medidas de seguridade nunha celebración pola que soen pasar máis de 3.000 persoas.
Asemade, se as circunstancias o permiten, celebrarase a tradicional procesión e misa, o día grande dos festexos, domingo 13 de setembro.
A directiva decidiu así mesmo, que tal e como se presenta a situación económica ocasionada pola crise sanitaria, non sería razoable pedir este ano apoio económico á veciñanza”.
Por último, “o presidente da comisión de festas, Manuel Álvarez Álvarez, agradece a todas as casas comerciais, empresas e moi especialmente ao Concello de Tomiño, pola súa colaboración durante todo o ano”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario