19 de xuño de 2020

O ROSAL

Semana de actividades no Rosal para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI  

Arrancou este venres 19 cunha acción artística que contou coa participación de Sara Silva Uris, responsable de Transformando Realidades

A acción artística tivo lugar ao carón do monumento ao cabaqueiro
Fotos: C.O.R.


O Concello colaborará man a man co Proxecto VIA, unha iniciativa de visibilización posta en marcha por alumnado e profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier 

O mércores 24 celebrarase un acto lúdico con exposición, photocall e a proxección ao aire libre da película ‘Pride’   

 Infogauda / O Rosal

 O bandeira do arco da vella ondeará toda a semana no Rosal. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI o vindeiro domingo 28 de xuño, o Concello ten programada unha semana chea de iniciativas coas que se buscará visibilizar a loita en favor dos dereitos deste colectivo. Estas actividades arrancaron este mesmo venres cunha acción artística na que os concelleiros Sara Vicente Salcidos e Ramón Fernández Leal; Sara Silva Uris, responsable do proxecto Transformando Realidades, e Óscar Martínez, mestre composteiro do Rosal, deron vida a dous bancos pintando un coa bandeira LGTBI e outro coa bandeira trans. 

Proxecto VIA 

 O Concello do Rosal quere recoñecer o gran labor de visibilización que se está a facer a través do Proxecto VIA, unha iniciativa posta en marcha polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier co apoio do profesorado para visibilizar, informar e apoiar, e coa que o Concello traballa man a man e que terá vital importancia durante toda esta semana, durante a que colaborará para encher de contido relacionado as redes sociais. 

Cinema ao aire libre 

 O acto conmemorativo central celebrarase o vindeiro mércores 24 de xuño cunha iniciativa de carácter lúdico na que se invita a participar a todos os rosaleiros e rosaleiras. A partir das 21:00 horas poderá visitarse na Praza do Calvario unha exposición preparada polo alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e participar nun divertido photocall. Á entrada desta zona entregarase un accesorio para sacar a súa foto no photocall, unha pulseira de arco iris e unha chapa do Proxecto Vía.   

 Xa ás 22:00 horas comezará o cinema ao aire libre, primeiro coa proxección dun flashmob feito polo alumnado do CPI e despois coa proxección da película ‘Pride’, unha divertida e emotiva comedia baseada en feitos reais con claros tintes sociais. A proxección será de balde e contará cun aforo máximo de 150 persoas. 

 Para a organización deste acto activaranse todos os protocolos de prevención e seguridade, con espazo delimitado, control de aforo e medidas como a colocación de xel hidroalcohólico á entrada do recinto. Para poder acceder ao recinto e desfrutar das actividades será obrigatorio o uso de máscara, que debe traerse da casa. 

 Por outro lado, ademais destas actividades, durante toda a semana as bandeiras arco da vella ondearán na Casa do Concello do Rosal e repartiranse carteis polos comercios locais coa imaxe de #ORosalOrgullosx.

Ningún comentario:

Publicar un comentario