A XUNTA DE GALICIA DESTINA MÁIS DE 3,1M€ AOS CONCELLOS DE PONTEVEDRA PARA A CONTRATACIÓN DE 259 PERSOAS PERCEPTORAS DA RISGA
· O Goberno galego apoiará aos concellos da comarca do Baixo Miño con 316.774 euros para beneficiar a 27 persoas sen emprego que se dedicarán a levar a cabo tarefas de construción, xardinería e oficina
· Esta liña de axudas enmárcase nas políticas de emprego da Administración autonómica e busca mellorar a ocupabilidade dos galegos e galegas e dinamizar o mercado de traballo
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informou hoxe aos concellos da resolución da orde de axudas que permitirá que os municipios do Baixo Miño poidan contratar a 27 persoas perceptoras da Risga, que serán destinadas a executar labores de construción, xardinería e oficina.
A Consellería de Economía destina así, este ano. un total de 7,6M€ para a contratación de persoas perceptoras da Risga en toda Galicia, apoio do que se beneficiarán un total de 643 persoas de 149 concellos.
Na provincia de Pontevedra beneficiaranse 259 persoas a través dun total de 3,12M€. O obxectivo é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.
Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse os concellos de Tomiño (5 traballadores), A Guarda (5), Oia (2), O Rosal (5) e Tui (10). En total, a Xunta destinará a estes municipios un total de 316.774 euros.
Estas axudas están dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para axudarlles e facilitarlles a súa inserción laboral.
As contratacións deberán ter como obxectivo a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais, e os traballadores e traballadoras contratadas deberán estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como perosas demandantes non ocupadas e ser perceptoras da Risga.
Estas medidas, enmarcadas nas políticas de emprego da Xunta, teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como apoiar a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.
Nota da Redacción de Infogauda:
Esta información foi publicada o 12.06.2020 e actualizada en data 15.06.2020.
Nota da Redacción de Infogauda:
Esta información foi publicada o 12.06.2020 e actualizada en data 15.06.2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario