A Xunta de Galicia prorroga un mes a extracción de mexilla e adopta medidas para garantir a convivencia pacífica entre bateeiros e percebeiros
O Executivo galego toma esta decisión ante a situación extraordinaria derivada da alerta sanitaria pola covid-19 e das dificultades do sector para atopar semente de mexillón
Infogauda / Galicia
As delegacións territoriais da
Consellería do Mar na Coruña e en Vigo veñen de emitir sendas
resolucións polas que se amplía ao mes de xuño de xeito extraordinario o
período de extracción de semente de mexillón en bancos naturais nas
provincias da Coruña e Pontevedra dada a situación de pandemia que se
está a vivir e ante as dificultades do sector para atopar mexilla. A
autorización emitida polo Executivo galego introduce ademais medidas
para garantir a convivencia pacífica entre percebeiros e bateeiros
mediante a exclusión de determinadas zonas para a recollida deste
recurso.
O período de extracción de semente de mexillón en rocha
abarca habitualmente do 1 de decembro ao 30 de abril e dada a situación
de alerta sanitaria actual prorrogouse esta actividade ao mes de maio,
un período que resultou ser insuficiente para cubrir as necesidades do
sector. Consultados os interesados e analizada a situación, a
Consellería do Mar decidiu ampliar a extracción ao mes de xuño dadas as
circunstancias conxunturais da presente campaña pero con limitacións co
obxectivo de defender tanto os intereses dos bateeiros como os dos
percebeiros, que comparten zonas de traballo.
Deste xeito, a
extracción de mexilla non se poderá realizar no ámbito do Parque
Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia nin en 16
zonas sensibles para a extracción de percebe, 10 delas na provincia de
Pontevedra e seis na da Coruña, que xa lle foron trasladadas a semana
pasada tanto ás federacións de confrarías de pescadores como ás
asociacións de bateeiros. As zonas que se limitan na zona de Pontevedra
son Costa da Vela, Illas Estelas, Punta Boi-Parador, Silleiro, Monte
Lourido, Punta Orelluda, Portocelo-Agoeira, Cala da Cetárea, Punta
Xinete e Loucenzas e Ribel, mentres que na provincia da Coruña son as de
Mera, A Torre, Roncudo, A Barca, Couso e Sagres.
A maiores, tendo
en conta a situación de alerta sanitaria pola covid-19 que motiva o
outorgamento desta prórroga na extracción de semente de mexillón, o
Executivo galego tamén establece medidas de prevención e seguridade para
evitar contaxios durante o desenvolvemento desta actividade. Por iso,
limita a dez o número de persoas que poden participar ao mesmo tempo na
recolleita do recurso na mesma zona, co obxectivo de evitar
concentracións e que se poidan manter as distancias de seguridade.
Esta
prórroga da extracción súmase a outras medidas extraordinarias xa
postas a disposición dos bateeiros para que poidan cubrir a demanda de
mexilla como son a opción de ampliar as cordas colectoras de mexilla nas
bateas con 50 unidades máis por batea a maiores das 100 que se lle
autorizan de maneira habitual e tamén a posibilidade habilitada a través
de Portos de Galicia de extraer cría de mexillón no interior dos
espazos portuarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario