Quinta xornada de mobilizacións do persoal dos centros de Política Social
Demandan a recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise en 2012
Na imaxe, participantes nunha das concentracións celebradas no día de hoxe
Foto: CIG
Infogauda / Galiza
Dende as organizacións sindicais convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- critican que o Goberno galego anuncie 'cheques gourmet' en lugar de sentarse a negociar a recuperación dos dereitos. Por iso o persoal dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade centros residenciais, etc) participaron hoxe de novo masivamente nas concentracións.
Na rolda de prensa celebrada ás portas da residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra, os representantes sindicais denunciaron que o Goberno galego “non só nega o conflito senón que se burla do persoal, anunciando 'cheques gourmet' para supostamente pagar o esforzo do persoal dos centros dependentes da Consellería de Política Social”.
Censuran que con esta iniciativa, “que ten un tufo electoralista”, pretenden compensar a dedicación, o compromiso e a profesionalidade demostrada durante esta pandemia. “Resulta insólito que despois de 5 xoves continuados de concentracións diante dos centros de traballo, a conselleira aínda non se dignase a chamar as organizacións sindicais convocantes para preguntarlles como se pode reconducir este conflito pola vía do diálogo e do acordo”.
Calendario de protestas
Diante desta falta de interlocución anuncian que manterán o calendario de mobilizacións e accións de protesta, “pois resulta inaceptable que sigan cos dereitos recortados e discriminados fronte a outros colectivos aos que se lle compensan os domingos e festivos traballados, ou mesmo teñen redución da xornada máxima anual por traballar de noite”. Con todo, e ante os atrancos que está a poñer a Delegación do Goberno para mobilizarse en período electoral, os vindeiros días acordarán novas medidas de presión.
Finalmente denuncian que continúa a cesión de persoal público a residencias privadas, como está a acontecer na que xestiona DomusVi na parroquia canguesa de Aldán, onde hai arredor de 20 persoas empregadas publicas que seguen a traballar a pesar de que o decreto de listas xa non está vixente. “Ademais de ser unha cesión ilegal de traballadores/as, atenta contra os dereitos do persoal das residencias públicas, que non vai ter posibilidade de relevo para o goce das vacacións, o que produce unha limitación dos dereitos laborais”.
Principais reivindicacións do colectivo
Unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.
A petición de incremento de prazas públicas e de xestión directa.
A recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados. A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa.
A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria e a mellora das condicións laborais
Ningún comentario:
Publicar un comentario