A Xunta de Galicia recoñece á billarda como modalidade deportiva
Na resolución asinada polo secretario xeral para o Deporte, ademais dos seus valores estritamente deportivos, asegúrase que a billarda “reforza unha xestión sa e sostible do entorno natural e fortalece a tradición galega”
José Ramón Lete
Lasa - 2º pola esq. -, secretario xeral para o Deporte, con representantes da Liga Nacional de Billarda
Fotos: X.G.
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia, a través dunha
resolución asinada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete
Lasa, vén de recoñecer como modalidade deportiva en Galicia á billarda
- tamén coñecida como cachiza, entre outras denominacións - así como autorizar a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas
de Galicia das entidades deportivas que a practiquen, en exercicio das
súas funcións atribuídas pola Lei 3/2012, do 2 de abril, de deporte de
Galicia. A resolución do recoñecemento da billarda como modalidade
deportiva sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de
Galicia e establécese como paso previo a creación dunha nova federación
na que se incluirán os deportes populares e tradicionais de Galicia e na
que xa traballa a Secretaría Xeral para o Deporte.
Deste xeito, o
Goberno galego continúa sumando fitos ao seu pulo polos deportes
populares e tradicionais de Galicia como demostra a unidade didáctica
BBC -bolos, billarda e chave- do programa Xogade (Xogos Galegos
Deportivos en Idade Escolar) a través da que “os escolares practican
unha actividade física e deportiva ao tempo que promoven, e axudan a
manter, a cultura e tradición galega”.
Segundo a resolución
asinada polo secretario xeral para o Deporte, “a actividade física e
deportiva, e sobre todo a práctica dos xogos de equipo, son unha parte
esencial das vidas e da historia dos pobos. O deporte está vinculado á
identidade e á cultura, e axuda a entender a forma de ser das persoas
que os practican. Ademais, o seu valor subxacente como transmisor de
valores, fai do elemento deportivo un aspecto esencial na formación e na
educación formal e non formal dos mozos e mozas, impulsando unha
cidadanía activa, tolerante e solidaria. Neste marco xeral e común a
toda práctica deportiva, a práctica da billarda reforza ademais unha
xestión sa e sostible do entorno natural, e fortalece unha tradición
galega que é común, e nos une, a sitios tan dispares do globo”.
No
documento aprobado hoxe, o mandatario galego tamén enxalza o labor da
Liga Nacional de Billarda organizada no momento actual en tres
conferencias -nordeste, noroeste e Rías Baixas- e que engloba a
deportistas e clubs das distintas provincias galegas.
Xoven xogando á billarda
Cómpre
salientar que tras o regreso da Liga Nacional de Billarda o pasado
domingo 21 na conferencia noroeste cunha xornada disputada en Laracha (A
Coruña), esta fin de semana terá lugar na conferencia Rías Baixas unha
nova xornada que se levará a cabo en Bueu e suporá a estrea da billarda
como modalidade deportiva. Estes eventos contan cun protocolo de medidas
de protección e prevención de contaxios da covid-19.
Ningún comentario:
Publicar un comentario