15 de xuño de 2020

CULTURA

Arranca a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Galaxia, que apuntala á sede de Vigo como centro cultural de referencia na cidade  

Francisco Castro, Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez dan o pistoletazo de saída á primeira Escola de Letras de Galicia

Carmela Silva - no centro da imaxe -, presidenta da Deputación de Pontevedra, cos escritores e a escritora Francisco Castro, Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez que serán os docentes da Escola de Letras
Foto: D.PO. 


Infogauda / Vigo

 Imos encher a sede da Deputación en Vigo de letras e historias", asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, porque "apostar pola cultura é apostar por un país como o noso que sempre foi un referente cultural". Arroupada polos escritores e a escritora Francisco Castro, Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez que serán os docentes, Carmela Silva subliñou o papel de referencia cultural da sede da Deputación en Vigo, que esta tarde abriu as súas portas á normalidade da man do primeiro obradoiro da Escola de Letras da institución e Galaxia. Amais, o obradoiro desenvolverase na sala Rosalía Castro e "rodearase" da mostra "Sempre marzo", un proxecto comisariado por Yolanda Castaño que, tal e como destacou a presidenta,  "está tamén ligado á cultura, á poesía e vincula a palabra con artes plásticas". 

  A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra, que conta con dúas sedes en Vigo e Pontevedra, nace con sete obradoiros que esgotaron en pouco menos de media hora a totalidade das súas prazas. Hoxe tivo lugar o primeiro, de Escritura Creativa Básica, que foi impartido por Francisco Castro, director de Galaxia, e continuará o 22 de xuño, e en setembro en horario de 19:30 a 21:30 horas. Neste obradoiro, que ten unha lista de agarda de máis de cen persoas, afondarase no desenvolvemento da creatividade, experimentación literaria e pracer de escribir cunha perspectiva lúdica e participativa.

  A Escola impartirá os talleres de Escritura Creativa Básica, Escrita Creativa, Literario de Perfeccionamento, Poesía de Perfeccionamento, Literario para Maiores, Escrita Creativa Avanzada e Obradoiro Literario impartidos por Francisco Castro, Diego Giráldez, Antonio García Teijeiro e Inma López Silva, "catro nomes tan relevantes da nosa escrita que, simplemente por este feito, a Escola é xa un éxito", destacou a presidenta provincial quen tamén tivo palabras de recordo polo falecemento de Emilio Alonso Pimentel, mandándolle unha "aperta á súa familia, especialmente a Xesús Alonso Montero".

  Pola súa banda, o director de Galaxia Francisco Castro,  fixo fincapé na idea orixinaria da escola, centrada en que "todas as persoas temos unha historia que contar, todas temos memoria, capacidade para narrar e estamos a facelo todo o tempo". Amais, Castro destacou que a Escola de Letras tamén parte de que "a literatura é unha das formas do pracer e o que queremos é que as persoas que se senten a partir de hoxe aquí veñan a pasalo ben". Para conseguilo, a escola completará os obradoiros con masterclass e actos públicos en datas sinaladas. Amais, o alumnado verá algún dos seus traballos desenvolvidos durante os obradoiros nun libro que formará parte, tal e como explicou Castro, do catálogo comercial da Editorial Galaxia.

  Sobre a capacidade da Escola de Letras de potenciar a creatividade e un novo modo de descubrir o mundo falaron tamén os demais docentes. Así, Diego Giráldez, que cualificou ao proxecto como "un dos grandes proxectos culturais que agromaron en Galicia", amosou a súa "ilusión" por participar nesta iniciativa e adiantou o seu desexo de "darlle máis importancia á creatividade e sensibilidade neste mundo de sobreinformaicón e rapidez".  Neste eido tamén afondou Inma López Silva, outra das docentes da Escola, quen destacou que o que "imos ensinarlle ás persoas que veñan á escola é que a arte é unha forma de coñecer e achegarse ao mundo, animándoas a que desenvolvan unha actividade creativa a través das palabras".  No que respecta a Antonio García Teijeiro, o poeta destacou que "todas as persoas temos no noso interior unha capacidade poética que descoñecemos e nunca xorde por moitas razóns e esta é unha das cousas que máis me animan a participar nesta iniciativa: mostrar a capacidade que todas as persoas temos de ser poetas e ver a vida doutra maneira".

Ningún comentario:

Publicar un comentario