28 de xuño de 2020

A GUARDA

“CARRIZAL”, BOLETÍN INFORMATIVO DA ASOCIACIÓN NATURALISTA “BAIXO MIÑO” (ANABAM), ESTREA NOVA ÉPOCA 
    

“Carrizal”, boletín da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM)
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Cando todo semellaba ermo e estático, por causa do coronavirus SARS-CoV-2 que xerou a pandemia na que ainda nos atopamos; reconforta constatar como hai quen no tempo denominado “estado de alarma”, mantivo ergueito o facho da Cultura e do firme compromiso coa defensa e a divulgación do patrimonio natural, etnográfico, histórico,..., do Baixo Miño, como vén dando boa proba a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), presidida por Agústin Ferreira Lorenzo.

 Reconforta, decimos, comprobar como pese a que todo movemento implica un esforzo, ANABAM – por se alguén o puña en dúbida - acredita súa vitalidade, voltando a botar novamente en circulación – logo dun tempo de respiro de algo máis de 8 anos, despois do nº 199, correspondente a xaneiro de 2012 - seu  renovado “Carrizal”, órgao de comunicación física e periódica, que comezou súa andaina en xullo de 1985, con periodicidade daquela, prácticamente mensual. 

 Neste caso, encetando súa época II - de periodicidade bimensual -, cunha decidida aposta do seu editor-coordinador por dar cabida nas súas páxinas – impresas a toda cor - non soio as colabouras dos membros da Asociación Naturalista “Baixo Miño” - con especial adicación persoal do seu presidente fundador - senón as doutras persoas, non vencelladas estatutariamente a devandita entidade conservacionista que neste 2020 celebra seu XXXV aniversario.

 Ao tempo que agradecemos públicamente a Agustín Ferreira Lorenzo súa deferencia ao facilitarnos xentilmente sendos exemplares dos números 1 e 2, correspondentes aos meses de maio-xunio e xullo-agosto, 2020, de 40 e 42 páxinas, respectivamente; damos conta da publicación no nº 1, de artigos de indiscutible interese histórico: – “Illa fortaleza da Ínsua” (I), de Antón Ferreira -; de denuncia – “Brutal morte de cabalos en Oia”, de Agustín Ferreira Lorenzo; de opinión – “Non aos campionatos da caza do raposo”, de Noé Ferreira Rodríguez; de divulgación ambiental – “Extinguida a poboación de Eurynebria na praia de Camposancos”, de Agustín Ferreira Lorenzo; “Historia dun águia peixeira” (sic), de Manu Sobrino Senra; “A maior concentración de ganso cabeciñegro rexistrada no Esteiro do Miño”, de Agustín Ferreira Lorenzo; “Lista vermella de especies ameazadas”, de Agustín Ferreira Lorenzo -; de información ornitolóxica – “O anelamento científico de aves no estuario do Miño”, de José Arcas e Marta Robles -; da biodiversidade da costa atlántica – “O litoral como obxecto de estudo: sedimentoloxía e biodiversidade”, de J.J. Hermida -; da organización social en defensa da flora e fauna miñota – “ANABAM crea o Grupo Antiherbicidas Baixo Miño” (I),  de Agustín Ferreira Lorenzo -; e da divulgación científica – “Novo molusco para o Baixo Miño. Siphonaria pectinata”, de Agústin Ferreira Lorenzo -. E por suposto, unha boa mostra das diferentes actividades que vén desenvolvendo ANABAM, como: Proxecto Andoriña,  Proxecto Larus, Censos de aves acuáticas do río Miño; Apoio aos veciños de Cristelos contra a tala de árbores por parte da Deputación; Visita ornitolóxica guiada; Alegacións acceso a praia do Muiño” (sic); e actividades previstas para os vindeiros meses, entre outras informacións de interese xeral.

  E no nº 2 de “Carrizal”, os lectores contan co seguinte índice:

-Illa fortaleza da Insua. Antón Ferreira Lorenzo.
-Distribución da papoula mariña no Baixo Miño. Agustín Ferreira Lorenzo.
-Cegoñas no Baixo Miño. Agustín Ferreira Lorenzo.
-Colonias de gatos na Guarda. Vanesa Alonso Gándara.
-A Rede de museos na Guarda. Javier Crespo González.
-Que facer se atopamos un poliño.
-Grupo antiherbicidas Baixo Miño. Agustín Ferreira Lorenzo.
-Marcas e siglas dos mariñeiros da Guarda. Ricardo Rodríguez Vicente.
-ANABAM asigna un convenio de colaboración coas Universidades galegas.
-Observacións.
-Fenoloxía 2020.
-Fauna recollida.
-Diario:de xaneiro a maio.
-Lembranzas.
-Baltasar Merino.

 As persoas asociadas a ANABAM recibirán gratuitamente o boletín “Carrizal”. As que non o sexan, poden subscribirse (18 € seis números, ou adquirilo individualmente 3,50 €/número).

 ANABAM ampliou os contidos de “Carrizal” a aspectos culturais como poden ser, entre outros,  a etnografía ou a historia da bisbarra baixomiñota, sen esquecer o principal aspecto no que se move a asociación: o patrimonio natural.

 A devandita publicación está aberta á colaboración de cantas persoas desexen divulgar os seus estudos, inquedanzas, observacións. Para iso poden poñerse en contacto con ANABAM (anabam.anabam@gmail.com).

 Desde Infogauda. Un espazo de información transfronteiriza facemos votos para que tanto a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), seus membros e colaboradores, como o “Carrizal” teñan unha longa vida.

Nota da Redacción de Infogauda:

Esta información, que fora publicada o día 27 de xuño de 2020, vén de ser actualizada este domingo día 28 logo de subsanar algunha errata involuntaria que inicialmente non habíamos detectado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario