15 de maio de 2020

TOMIÑO

O Concello convida a Margarita Ledo e a Méndez Ferrín a colaborar na conmemoración do Día das Letras Galegas   

· A Concellería de Cultura  e a OMIX ofrecen pasar un domingo diferente con concertos e xogos relacionados coa lingua, a través das redes sociais  


Margarita Ledo Andión e Xosé Luís Méndez Ferrín
Fotos: Cedidas


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño convidou a Margarita Ledo Andión e Xosé Luís Méndez Ferrín, dous grandes persoeiros da lingua e cultura galegas, a gravar unha mensaxe de vídeo coa que conmemorar dun xeito moi especial as Letras Galegas 2020. 

 Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, e membro da Real Academia Galega (RAG), aceptou o reto e gravou un vídeo que poderá verse nas redes sociais do Concello, o vindeiro domingo.  

 Méndez Ferrín, pola súa banda, fixo chegar unha agarimosa resposta á alcaldesa Sandra González, explicando que estaría encantado de poder participar, pero que por razóns de saúde (unha intervención médica da que se está a repoñer), non podería facelo esta vez. Aínda así, o escritor, político, ensaísta, doutor en Filoloxía e ex-presidente da Real Academia Galega (RAG), fixo chegar ao Concello unha agarimosa mensaxe: “Apertas e múltiples felicitacións polo voso traballo municipal que sigo con atención. Tamén don Daniel Calzado e o siñor Afranio, aplaudirían o voso labor se estivesen no mundo”.  

 Ademais o Concello de Tomiño conmemorará a festividade das Letras Galegas, con concertos musicais e outras actividades de carácter lúdico. 



 Ás 19:00 horas, en directo, “Cé Orquestra Pantasma”, ofrecerá dende a súa páxina de Facebook, ao pé dun carballo, un concerto para toda a familia, co que pretende homenaxear a Carvalho Calero, persoeiro a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.  

 Asemade, compartirase a través de mailing, whatsapp, web e redes sociais, un par de xogos en liña sobre a lingua e literatura galegas; un divertido xogo de dardos na palabra realizado coa colaboración do grupo de voluntariado da OMIX.  

 Dende o Concello agradecen moi especialmente a colaboración de todas as persoas implicadas na organización destas actividades.  

Camisetas e bolsas alusivas 

 As camisetas conmemorativas deste ano, cuxo logo pertence a Saskia Díaz Castro, serán repartidas de balde entre as persoas que acudan á libraría tomiñesa Novidades para mercar un libro en galego, a partir do 17 de maio. 

 Por outra banda, despois de recoller centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais, reuníronse as vinte palabras máis votadas a través da páxina web do Concello, que serán impresas nas bolsas de tea 100% algodón, que se repartirán tamén de balde ao longo deste mes. Haberá cinco deseños diferentes serigrafiados coas seguintes verbas: changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, fedello, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario