9 de set. de 2026

A GUARDA

A Guarda homenaxea ás vítimas do franquismo cunha ofrenda floral en Sestás e dúas conferencias sobre o Campo de Concentración de Camposancos

 Os actos de memoria histórica terán lugar o vindeiro xoves, 17 de setembro a partir das 17:00 horas.

 O programa inclúe as intervencións dos historiadores Víctor M. Santidrián Arias e Ramón García Piñeiro, canda a actuación musical do coro "Cantos de liberdade".




Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 O sindicato Comisións Obreiras e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, en colaboración coa Deputación de Pontevedra (a través do programa Culturea), organiza o vindeiro xoves, 17 de setembro unha xornada de homenaxe e rigor histórico en lembranza das persoas represaliadas polo franquismo na comarca.




 Os actos dividiranse en dúas partes diferenciadas e consecutivas:

17:00h – Ofrenda Floral en Sestás

A xornada arrincará ás 17:00 horas na Fosa Común de Sestás (A Guarda) cunha homenaxe e ofrenda floral dedicada aos fusilados por elementos franquistas. O acto busca manter viva a memoria do monumento erguido polo pobo da Guarda no ano 1986, que recorda a aqueles cidadáns que perderon a vida defendendo as liberdades democráticas en Asturias durante a Guerra Civil (1936-1939).

18:00h – Conferencias e Música na Casa de Montes de Camposancos

 A partir das 18:00 horas, a actividade trasladarase á Casa de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, onde se celebrará un acto cultural presentado por Montserrat Carrera Leirós, secretaria xeral de Comisións Obreiras (CCOO) na Unión Comarcal de Vigo-Baixo Miño, que contará coas seguintes intervencións académicas:

• Víctor M. Santidrián Arias: Doutor en Historia Contemporánea, historiador especializado en memoria histórica e do movemento obreiro, e membro da Fundación 10 de Marzo. Ofrecerá a conferencia titulada "Camposancos foi hoxe".

• Ramón García Piñeiro: Doutor en Historia Contemporánea, historiador especializado no movemento obreiro, a minaría e a resistencia antifranquista, e membro da Fundación Juan Muñiz Zapico. Impartirá o relatorio "Camposancos na narrativa de José M. Castañón".

 O peche institucional da xornada correrá a cargo do coro "Cantos de liberdade", que ofrecerá unha actuación musical para pór o broche de ouro a este día de recordo e dignificación.

 Con esta programación, as entidades organizadoras convidan a toda a cidadanía a sumarse a dous eventos que conxugan o tributo emotivo ás vítimas coa divulgación científica e histórica dun dos episodios máis significativos da nosa historia recente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario