O Concello continúa coa desinfección de rúas nos barrios e no núcleo urbano
· Este operativo de limpeza estase levando a cabo grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal e da empresa tomiñesa Terrastar
Un traballador a carón do tractor con cisterna e mangueira de baldeo, desenvolvendo un operativo de desinfección nos accesos ao cemiterio veciñal da Pereiriña (San Miguel de Tabagón)
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
En pleno proceso da chamada "desescalada", ou transición a que será a "nova normalidade", con cada día máis xente saíndo ás rúas, grazas ao alivio que conleva a fase 1, o Goberno do Concello do Rosal considera de vital importancia continuar co operativo de limpeza encargado dos traballos de desinfección establecidos dentro do protocolo de prevención do COVID-19. "Deste xeito - dixo á alcaldesa Ánxela Fernández -, como se ven facendo desde hai semanas, estanse a desinfectar as rúas de maior tránsito, zonas estratéxicas (farmacias, centro de saúde...) e mobiliario urbano ou elementos considerados sensibles tanto nos diferentes barrios como no núcleo urbano do municipio".
"Este operativo de limpeza púxose en marcha - lembra á alcaldesa - grazas á cooperación da asociación de adegueiros do Rosal, que dende o primeiro momento achegan tanto a maquinaria como operarios propios para conducir o tractor con cisterna e mangueira de baldeo polas diferentes rúas do Rosal, mentres que un operario municipal se encarga de manexar a mangueira e realizar os labores de desinfección. Un labor no que colabora tamén de forma desinteresada a empresa tomiñesa Terrastar, que doa os líquidos necesarios para levar a cabo a correcta desinfección".
A alcaldesa non dubidou en salientar tamén: "O Concello do Rosal quere agradecer a solidariedade amosada polas adegas do municipio e por Terrastar e a súa colaboración nunha tarefa de vital importancia nestes momentos como a desinfección de rúas como medida de prevención da crise sanitaria que se está a vivir. Este agradecemento faise extensivo tamén aos operarios municipais encargados da limpeza, que están a facer un grande esforzo dende o inicio da alerta sanitaria para garantir a seguridade da veciñanza e minimizar riscos de contaxios".
Ningún comentario:
Publicar un comentario