14 de maio de 2020

TOMIÑO

Un deseño coa cara de Rosalía de Castro e o lema “Únete á resistencia”, gaña o certame da camiseta das Letras Galegas de Tomiño  

· Saskia Díaz Castro, veciña de Sobrada e graduada en Relacións Laborais, foi a gañadora do concurso, no que participou unha duzia de mozos e mozas
Este é o deseño gañador do Certame de Deseño de Camiseta para as Letras Galegas 2020, convocado polo Concello de Tomiño
Fotos: C.T. 


 
Infogauda / Tomiño
 
 Un deseño en cor vermello coa cara da poeta, escritora e xornalista galega Rosalía de Castro, rodeada dos nomes das parroquias de Tomiño, e co lema “Únete á resistencia”, en alusión á loita pola supervivencia do idioma galego, fíxose co premio do Certame de Deseño de Camiseta para as Letras Galegas 2020, convocado polo Concello de Tomiño.  

Saskia Díaz Castro


 A gañadora desta edición chámase Saskia Díaz Castro. É de Sobrada (Tomiño), e ten 27 anos. Graduada en Relacións Laborais e Recursos Humanos, participou xunto a outros doce mozos e mozas que enviaron os seus deseños para probar sorte. Saskia enterouse do concurso a través dun amigo que forma parte do grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño e que compartiu a publicación por un grupo de WhatsApp. Así comezou a facer un deseño inspirado na serie La Casa de Papel.  

 O deseño, libre e aberto, tiña que estar relacionado coa lingua e/ou literatura galega. Os membros do xurado, do grupo de Voluntariado da OMIX, valoraron que fora un deseño atractivo, inspirado e relacionado coa promoción e posta en valor do idioma galego. Os organizadores agradecen a participación xuvenil que cada ano se produce neste certame. 

 As camisetas serán repartidas de balde (unha unidade por persoa) entre as clientas e clientes que acudan á libraría tomiñesa Novidades para mercar un libro en galego, a partir do 17 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario