6 de maio de 2020

TOMIÑO

O novo servizo de comunicación de incidencias a través dunha aplicación, rexistra 444 notificacións en 2 meses de funcionamento  

· A ferramenta serve como canle directa co Concello, para notificar danos que se detecten no equipamento urbano ou espazos públicos   

Captura de pantalla da aplicación "Línea Verde", do Concello de Tomiño
Fonte: C.T.


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de implantar un servizo de comunicación de incidencias a través dunha app (aplicación) móbil. A través desta nova canle directa, a veciñanza pode poñer en coñecemento do Concello, aqueles danos que se detecten na súa parroquia ou barrio. Con esta ferramenta de participación cidadá, o goberno pretende coñecer mellor as necesidades do municipio, e poder actuar de maneira máis eficiente, dando solución con maior rapidez ás cuestións comunicadas.  

 O Concello leva probando este novo sistema de comunicación coa cidadanía dende hai dous meses, período no cal foron comunicadas 444 incidencias, das cales, a metade xa foron resoltas. 

 “O persoal xa está adaptado ao novo modelo de traballo. Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa tablet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira correspondente, e ademais, podemos obter estadísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica Alexandre Pérez Souto, concelleiro de Obras. 

Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga gratuíta da app “Línea Verde” dende Google Play ou App Store


 Entre as incidencias que se poden comunicar figuran presenza de animais na vía pública, fochancas ou foxos, alumeado público, lixo, mobiliario urbano, sinalización viaria e vía pública, entre outros. Tamén hai outras variables, coma a de escolas, as que só teñen acceso as direccións dos centros educativos para comunicar averías ou incidencias, ou outras coma a de baleirados de fosas sépticas, que serven para a xestión interna do servizo.  

 As incidencias que máis se repiten até o momento, son problemas de fochancas, iluminación pública e recollida de lixo, seguidas de incidencias nas escolas, vía pública e baleirado de fosas sépticas. 

 “Considero esta plataforma moi útil nun municipio tan extenso e disperso como o de Tomiño, xa que axuda a sistematizar e facer máis eficiente a resolución de pequenos traballos, ademáis de mellorar a comunicación entre as veciñas e veciños co concello”, salienta Pérez Souto.  

 Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga gratuíta da app “Línea Verde” dende Google Play ou App Store. A partir dese momento, débese seleccionar o municipio de Tomiño, e o procedemento é moi rápido e sinxelo.  

 Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón Nova Incidencia, escoller a tipoloxía e, de forma automática, a app detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e algunha explicación sobre a mesma. Xa só queda darlle ao botón de Enviar. O persoal do Concello recibe a notificación do problema e inicia os trámites para darlle solución. O cidadán á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil, sempre que se produza un cambio no estado da incidencia.  

 A esta nova plataforma tamén se pode acceder dende o dominio www.linaverdertomino.gal e comunicar a incidencia desexada, seguindo uns pasos moi sinxelos. 

 O Concello de Tomiño anima ás veciñas e veciños da localidade a utilizar esta nova plataforma, tanto dende a app como dende a web. “A través da implantación deste servizo e grazas a participación cidadá, pretendemos lograr un municipio que cumpra coas expectativas da cidadanía”, engade o concelleiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario