6 de maio de 2020

PONTEVEDRA

O mundo local pide paso para ter presenza na toma de decisións no proceso de saída da crise  

A coordinación entre administracións foi a principal reivindicación compartida na reunión da presidenta da Deputación de Pontevedra cos concellos intermedios da provincia

A dereita da imaxe, Carmela Silva, presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, na reunión telemática celebrada esta mañá, cos concellos da provincia
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

  Instar a todas as administracións competentes para que as entidades locais teñan presenza e sexan tidas en conta no proceso de desescalada e de saída da crise sanitaria, foi hoxe a reivindicación principal que compartiron a Deputación de Pontevedra e os sete concellos da provincia de entre 20.000 e 50.000 habitantes. O encontro telemático que mantivo a presidenta Carmela Silva cos alcaldes e alcaldesas de Vilagarcía, Redondela, Ponteareas, Cangas, Lalín, Marín e A Estrada desenvolveuse nun clima de cordialidade, lealdade e vocación de acordos, e concluiu coa vontade de traballo conxunto e de consensos para delimitar liñas claras de actuación dos entes locais.

  "Estamos nun momento no que hai que conseguir respostas unánimes e acordadas para dar saídas claras á cidadanía", dixo a presidenta provincial, que agradeceu o esforzo dos concellos por asumir competencias impropias para dar solucións ás necesidades urxentes da súa veciñanza. Silva mostrou o seu compromiso de trasladar ao Estado e á Xunta de Galicia a esixencia de que se conte co mundo local, "que está a demostrar que é o que mellor sabe traballar na proximidade, e iso nos enche de razóns para que entendan que necesitamos recursos". Do mesmo xeito explicou que "moitas decisións teñen que ser cautelosas porque aínda nos coñecemos o escenario das axudas que deben chegar da Unión Europea, do Estado e da Xunta de Galicia".

  De feito, a coordinación entre todas as administracións e a definición dun marco de actuación con liñas claras do que poden facer os concellos, foi unha reivindicación común dos sete alcaldes e alcaldesas, unha ferramenta fundamental que compartiu a presidenta, "para ter seguridade e non entrar nunha tolería que fai que todas e todos tentemos facer o mesmo de xeito ineficaz. Debemos ter un plan coordinado para que cada administración faga o seu e que as accións das demais sexan complementarias". Nesa liña, Carmela Silva ofreceu a posta en marcha "deste plan de acción local, consensuado con todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, co que adquiramos o compromiso de funcionar con ese modelo".

  A presidenta provincial, que apelou á flexibilidade, á cautela, á prudencia, á valentía e á solidariedade "como as claves para tomar decisións serias e rigorosas", confirmou que a institución está a avanzar na modificación do Plan Concellos para que se poda destinar unha porcentaxe da Liña 1 de investimentos tanto á Liña 2 como á Liña 3 de Emprego, así como a outras urxencias que teñan os municipios sempre que estean dentro das súas competencias. Esta modificación, que se levaría a aprobación do pleno de maio, levaría engadida a ampliación dos prazos e que os concellos puidesen modificar peticións de obras que xa foran realizadas. Segundo explicou, tamén se está a estudar abrir unha vía de modificación do orzamento xa que se están a avaliar todos os programas da Deputación que, polas súas características, supoñan afluencia de persoas e relacións interpersoais, "a fin de tomar decisións prudentes sobre a conveniencia da súa celebración e do posible destino deses recursos aos concellos da provincia".

  No encontro, a presidenta da Deputación comprometeuse cos alcaldes e alcaldesas dos sete concellos á maior axilización na medida do que permiten os procedementos; recolleu as propostas feitas polos concellos como unha maior aposta polo mundo rural "que agora recobra unha forza extraordinaria"; e comprometeuse a trasladar aos concellos iniciativas de asesoramento técnico que axuden a dar resposta a moitas demandas cidadás e do tecido socio económico dos municipios. Do mesmo xeito, explicou que seguirá insistindo ante a Xunta para "que sente tamén ás entidades locais nunha mesa para a reconstrución de Galicia e para poñer en marcha un Plan de Desinfección que será obrigado a corto, medio e longo prazo".

  Pola súa banda, os alcaldes e alcaldesas expresaron demandas como instrucións claras das administracións para saber como actuar; maior flexibilidade na Lei de Contratación ou das Facendas Locais; que se permita a utilización dos superávit e remanentes como está pedindo a FEMP; asesoramento para facer a desescalada; que a Consellería de Sanidade lles faga chegar os datos sanitarios dos seus concellos; e procedementos menos encorsetados, máis rápidos e claros.

  Carmela Silva tamén detallou a situación das axudas, medidas, e programas que a Deputación activou ao fío da crise, con especial fincapé no turismo e nos sectores produtivos. Confirmou que a Deputación xa ten o primeiro avance de datos do estudo de impacto do COVID no turismo, que será a folla de ruta para o Plan de Reactivación. De igual forma, xa están calendarizadas as reunións cos concellos con festas de interese turístico, e con aqueles que son emprazamentos dos festivais de cine e dos Rías Baixas Fest.  Tamén se falou de promoción coas dúas novas iniciativas que xa están en marcha: a campaña de apoio ao consumo de produtos de proximidade e a campaña orientada á dinamización do comercio local diferenciada por comarcas que comezará a próxima semana. A presidenta tamén puxo en valor a excelente resposta a todas as medidas implementadas cara aos sectores produtivos como a axilización de pagos para inxectar liquidez e as actuacións de Smartpeme con plans de continxencia destinados a persoas autónomas, emprendedoras e pemes. Amais, nos próximos días activarase un novo programa de asesoramento personalizado ás empresas, a fin de facilitarlles o proceso de acceso a axudas, ERTES e ferramentas activadas no estado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario