4 de maio de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba achegas por 1,7 millóns de euros a catorce municipios da provincia ao abeiro das tres liñas do Plan Concellos  

Carmela Silva, presidenta do ente provincial destacou que "o Plan se converte nunha ferramenta moi relevante para os concellos a fin de facerlles fronte ás consecuencias da COVID-19"

      Pazo da Deputación provincial de Pontevedra
      Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

  A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a concesión de novas achegas por 1,7 millóns de euros ao abeiro das tres liñas do Plan Concellos 2020, que beneficiarán neste caso catorce municipios da provincia: Marín, Covelo, Valga, O Porriño, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade, Arbo, Baiona, Cangas, Dozón, Mos, Oia, Pontecesures e A Estrada.

 Silva resaltou que o Plan Concellos desenvolvido pola Deputación está a ser "unha ferramenta moi relevante que agora os concellos están usando para facerlles fronte ás consecuencias da COVID-19". Neste sentido, lembrou que a institución xa modificara as bases da Liña 2 de amortizacións, pagamento de débedas, gastos correntes e financiación de actividades para colaborar cos concellos na loita contra os efectos da pandemia e "moitos concellos solicitaron axudas para facerlles fronte ás consecuencias da COVID". Igualmente, apuntou que a Liña 3 de Emprego, destinada á contratación de persoal, é "fundamental, porque temos un serio problema de emprego derivado da situación sanitaria". Esta liña tamén está a sufrir modificacións por parte dos municipios, que agora xa están a solicitar outro tipo de contratacións: "persoas máis ligadas á actividades para facerlles fronte ás consecuencias da pandemia, como poden ser as que fan servizos de atención no fogar ou de atención a persoas vulnerables".

  No caso da Liña 1 de Investimentos aprobáronse dez novas achegas por 1,2 millóns que irán destinadas a proxectos que abranguen obras de pavimentación, saneamento ou melloras de infraestruturas e equipamentos públicos nos concellos de Marín, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Covelo, Valga e O Porriño.

  Doutra banda, no que lle atinxe á Liña 2, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou un investimento de 263.619,31 euros que beneficiará sete concellos: Arbo, Baiona, Cangas, Dozón, Mos, Oia e Pontecesures. As achegas irán destinadas, entre outras cousas, a sufragar gastos derivados da recollida de residuos sólidos urbanos, a poñer en marcha campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, a levar a cabo obras de reparación de camiños, a traballos de limpeza viaria e de edificios públicos e ao pagamento de débedas.

  Por último, no caso da Liña 3 aprobouse un novo investimento de arredor de 200.000 euros para o Concello da Estrada, que poderá financiar así a contratación de 20 persoas; en concreto, 3 conserxes, 2 oficiais de primeira de fontanería, 2 axudantes electricistas, 4 oficiais de primeira de albanelería, 5 peoas ou peóns forestais, 3 peoas ou peóns de obras públicas e 1 condutora ou condutor de camión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario