Case un cento de persoas participan no programa "DepoFroitos" co que a Deputación de Pontevedra impulsa as plantacións de froitos do bosque ecolóxico
O proxecto ofrece un servizo de asesoría en liña ás e aos participantes que buscan emprender en zonas rurais nestes cultivos
Infogauda / Pontevedra
O proxecto "DepoFroitos",
cuxas actividades iniciou en marzo a Deputación de Pontevedra e que ten
por obxecto impulsar o cultivo de froitos do bosque ecolóxico entre
persoas interesadas en emprender en zonas rurais da provincia, sumou xa
preto dun cento de participantes. As inscricións para tomar parte neste
proxecto de asesoramento, que se prolongará ata o 30 de setembro, seguen
a poder realizarse no enderezo depofroitos@depo.es ou no teléfono 886 210 725 (extensión 40734).
Esta iniciativa que se enmarca no firme compromiso da Deputación de
Pontevedra na defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no
seu apoio ao medio rural, ofrece un servizo de asesoría en liña para as
persoas participantes, no que se lles aporta un conxunto de ferramentas
dirixidas a que coñezan esta oportunidade de negocio e a axudarlles a
crear e consolidar empresas que se dediquen ao cultivo ecolóxico dos
froitos do bosque. Todo iso cunha aprendizaxe áxil e adaptable durante o
proceso.
O programa posto en marcha pola Deputación de
Pontevedra proporciona ás persoas participantes información na
tramitación de axudas e subvencións, na elaboración de plans de
viabilidade técnica, económica e financeira, e acompañamento técnico na
iniciación dos proxectos empresariais. Ao longo das sesións promóvese a
elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de
froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, da auga de
rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, así como a
creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores
beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos.
Ademais, para reforzar estas actividades utilízanse dúas ferramentas
innovadoras: un simulador de negocio sobre o cultivo e a
comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a
internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de
actuación. Cada persoa destinataria do proxecto ten así un servizo de
asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (correo-e,
teléfono e WhatsApp) na que pode facer consultas e comentarios e recibir
deste xeito o apoio necesario para que sexa máis fácil xestionar a
creación e o mantemento da súa nova empresa relacionada co cultivo, a
elaboración e transformación de froitos do bosque.
O programa
"DepoFroitos" está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco
do Programa Operativo de Formación e Educación (POEFE) e a fundación
Biodiversidade a través do programa Empleaverde do Ministerio de
Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de
carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de
calidade entre as e os habitantes de zonas Rede Natura da provincia de
Pontevedra e do Principado de Asturias.
Os froitos do bosque,
entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de
froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos
medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de
comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi
prezados polas persoas consumidoras, esixen pouco terreo para a súa
produción e teñen un custo inicial pequeno, polo que son unha boa opción
para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario