A plataforma ‘#euquedonacasa’ continúa actualizándose con experimentos, manualidades e receitas
· Todas as persoas interesadas poden seguir enviando fotografías para participar nos xogos ‘En casa pero en forma’ e ‘Eu debuxo na casa’
Infogauda / O Rosal
Ainda que xa se pode saír empezar a saír a rúa de xeito controlado e extremando todas as precaucións, a plataforma ‘#euquedonacasa’ do Concello do Rosal segue actualizándose e estreando propostas sinxelas e divertidas para toda a familia para pasar o resto do tempo de confinamento. Os experimentos, as manualidades e as receitas seguen a ser os apartados con máis novidades, aínda que tamén poden atoparse novas propostas no apartado de medio ambiente ou no de recomendacións, por exemplo.
Nos últimos días os rosaleiros e rosaleiras xa puideron desfrutar dun novo vídeo de ioga da risa por cortesía de Sabine Pfister, unha actividade que busca mellorar o estado de ánimo nestes días a través de xogos e exercicios cos que aprender a rirse a vontade. Tamén no apartado de recomendacións vanse publicando os cadernos que semanalmente elabora a Asociación Párkinson Baixo Miño para estimular e reforzar a memoria.
Esta semana estréanse tamén novas ideas coas que experimentar cos nenos e nenas da casa para aprender de xeito divertido usando materiais que se teñen a man. Así, pódese sorprender aos rapaces e rapazas facendo papel que non arde, crear circos de cores coa cromatografía decorativa con rotuladores, aprender recollendo todo o ciclo da auga nunha bolsa ou descubrir as marabillas da ciencia facendo fluído non newtoniano, un material que ás veces é líquido, ás veces sólido.
Novidades tamén no apartado de manualidades, que dá paso á creatividade dos máis cativos e cativas da casa, pero tamén dos maiores, recollendo ideas sobre como facer buxainas ou peóns con só catro elementos; xoias de papel con pasta de sal empregando soamente sal, auga e fariña; papa-moscas divertidos reciclando os rolos de papel hixiénico ou mandalas caseiros con os obxectos máis dispares que se teñan na casa. Na cociña é momento de probar as receitas como a de mousaka, a de taboulé ou a dunha crema de cacao e abelás caseira para chuchar os dedos.
En medio ambiente os rosaleiros e rosaleiras poderán seguir consellos para reciclar e aforrar, en emprego ter resposta a todas as dúbidas que van xurdindo con motivo do COVID-19 e coñecer as distintas medidas que se van adoptando e o recuncho de lectura acollerá nos vindeiros días todo o relacionado coas actividades do Día das Letras Galegas.
Ademais continúan en marcha os xogos:
• #nacasaperoenforma, no que se pide aos veciños e veciñas que envíen fotografías facendo deporte na casa, imaxes que recollan situacións cómicas, levantamentos de pesos orixinais, retos imposibles...
• #eudebuxonacasa, debuxos feitos polos nenos e nenas do Rosal sobre o seu día a día neste tempo de corentena, as actividades que fan, o que lles fai sentir...
As persoas interesadas poden enviar a información a euquedonacasa@concellodorosal.gal cos requisitos indicados nas bases de calquera dos dous xogos, dispoñibles na web.
Todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer esta plataforma municipal e interactiva achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario