4 de maio de 2020

O ROSAL

O Concello celebrará o Día das Letras Galegas dun xeito diferente e virtual  

· Unha das actividades será ‘Un lema para a nosa lingua’, unha proposta coa que se invita a toda a veciñanza a enviar frases para potenciar o uso da lingua que se plasmarán en bolsas de papel que se repartirán nos comercios rosaleiros 
  

Infogauda / O Rosal 

 Este ano o Concello do Rosal convida a toda a veciñanza a celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, dun xeito diferente e virtual cunha programación que poderá seguirse a través da web municipal e dos perfís do Concello nas redes sociais. Serán cinco actividades culturais, lúdicas e de lecer coasque se procura non só render homenaxe ao escritor deste ano, Ricardo Carvalho Calero, senón tamén potenciar o uso da lingua galega entre todos e todas.  

 A primeira proposta será ‘Un lema para a nosa lingua’, unha actividade que busca a implicación de toda a veciñanza para a celebración desta data tan sinalada. O obxectivo desta iniciativa é que os rosaleiros e rosaleiras envíen lemas ou frases que exalten ou potencien o uso do idioma de un máximo de 10 palabras. As mellores frases a prol do galego imprimiranse en bolsas de papel que se repartirán entre a veciñanza no mercado, no supermercado e no comercio local o sábado 16 de maio.  

 Todas as persoas interesadas en participar deberán enviar a súa proposta dende hoxe ata o vindeiro venres 8 de maio a cultura@concellodorosal.gal poñendo no asunto ‘Un lema para a nosa lingua’ e indicando nome e apelidos da persoa que propón o lema. O envío das frases suporá a aceptación das bases da actividade e a cesión dos dereitos ao Concello do Rosal para publicalas na páxina web e nas redes sociais do Concello xunto co nome do seu autor ou autora ou para arquivala na súa base de datos. 

Unha morea de actividades 

 Esta non será a única actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas. Este ano Concello e Agrupación Musical do Rosal colaboran para poñerlle banda sonora a esta data: dende primeiros de maio, o Concello publica cada día un vídeo con pequenas actuacións protagonizadas por membros da agrupación, diferentes instrumentos e melodías cos que poñer a nota musical a un mes dedicado ás Letras Galegas e a Ricardo Carvalho Calero. Esta actividade rematará cun concerto virtual de toda a agrupación o 17 de maio.  

 Por outro lado tamén se irán publicando vídeos coa lectura de poemas de Carvalho Calero por parte de persoas ligadas ao asociacionismo do Rosal, organizarase unha mostra de fotografías para a que tamén se buscará a colaboración de toda a veciñanza e o escultor Marcos Escudero deleitará aos rosaleiros e rosaleiras cun vídeo sobre o conto de Carvalho Calero ‘As pitas e a choiva’, que contará con música interpretada por músicos da Agrupación Musical do Rosal. 

 Dende o Concello queremos agradecer de antemán a colaboración de todas as persoas que están xa a traballar para poder facer un Día das Letras Galegas moi especial e participativo, así como de toda a veciñanza que envíe as súas propostas para as diferentes actividades. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario